O atractivo dunha universidade non depende exclusivamente do seu peso académico, senón tamén de factores sociais como as infraestruturas, o nivel de vida ou o acceso á vivenda. Partindo desa premisa, a nova rectora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, centrou a súa primeira visita institucional co alcalde, Abel Caballero, en buscar vías para facilitar a permanencia do talento investigador na cidade. Entre as principais propostas formuladas destaca a creación de residencias específicas orientadas ao persoal predoctoral e aos doctorandos.
A aposta polo aloxamento e o reto dos prezos
Durante o encontro na Praza do Rei, a máxima responsabla académica puxo o foco na necesidade de coidar a formación inicial da canteira investigadora, garantindo unhas condicións óptimas tanto no eido científico como no social. A institución conta na actualidade con 1.631 membros no Persoal Docente Investigador (PDI) e 826 no Persoal Investigador (PI). Con todo, o acceso á vivenda supón un obstáculo evidente debido á escaseza de oferta e aos elevados prezos do mercado de aluguer, un problema que tamén dificulta a chegada de estudantes procedentes de fóra do concello.
Fronte aos custos das residencias dispoñibles na actualidade na cidade —que oscilan entre os 715 e os 910 euros mensuais, mentres que os centros públicos O Castro e Altamar sitúanse entre os 324 e os 403 euros—, a rectora apuntou ao plan estatal de vivenda como unha oportunidade para paliar esta situación e fixar poboación investigadora no municipio.
Conexións de transporte e o futuro complexo da ETEA
A mobilidade entre os diferentes campus tamén formou parte central da xuntanza de traballo. A UVigo dispón de facultades tanto no campus de Lagoas-Marcosande como na sede urbana de Torrecedeira, polo que o equipo rectoral considera urxente optimizar os desprazamentos. Aproveitando o proceso en marcha para a licitación do servizo de bus urbano, a institución demanda unha revisión profunda dos itinerarios e dos horarios das lanzadeiras, tendo en conta que o persoal investigador desenvolve a súa labor durante todo o ano e non exclusivamente no período lectivo.
Pola súa banda, o alcalde e catedrático da UVigo, Abel Caballero, confirmou que a empresa aducataria do transporte municipal deberá estudar minuciosamente a orixe e as rutas dos estudantes para implantar melloras efectivas na recollida. A xuntanza tamén serviu para abordar o avance do complexo científico dedicado ás ciencias marinas na ETEA, onde tras a cesión dos edificios Faraday, Morse e Enfermaría, a universidade agarda pola adscrición definitiva do inmoble de Siemens para completar a transformación do antigo recinto militar.

