HomeNewsActualidadeRematadas as obras nos accesos e servizos no Castelo de Santa Cruz...

Rematadas as obras nos accesos e servizos no Castelo de Santa Cruz de A Guarda

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou este martes o Castelo de Santa Cruz de A Guarda. Este recinto vén de rematar distintas obras de mellora por un valor total de 205.611,56€, mediante as que se reformaron accesos, saneamento e alumeado, entre outros.

En concreto, os traballos realizados consistiron na mellora da pavimentación dos dous accesos ao recinto, a Porta da Vila e Porta do Socorro. Ademais, reformouse o servizo de saneamento e renovouse o alumeado público na Porta da Vila. A este último sumouse un novo alumeado monumental dos lenzos norte e oeste da muralla.

Como lembrou Xosé Merelles, estas actuacións enmárcanse dentro das actuacións previstas no Plan Xacobeo Next Generation, no que a Xunta investiu 22,7M€ para rehabilitar 10 Bens de Interese Turístico (BICs) de titularidade pública. O titular de Turismo de Galicia puxo en valor estas actuacións, que “amosan o compromiso da Xunta coa sostibilidade, a posta en valor do patrimonio natural e cultural, a calidade, a diversificación, e a desestacionalización do destino”.

Xosé Merelles tamén resaltou o valor do Castelo de Santa Cruz como recurso turístico complementario para aquelas persoas que estean a percorrer o Camiño Portugués da Costa, posto que “non só engade valor como elemento patrimonial ou recursos paisaxístico, senón que tamén abunda na historia da fronteira entre Galicia e Portugal”.

Esta fortaleza abaluartada, construída a mediados do século XVII para protexer a vila da Guarda e controlar un punto estratéxico do baixo Miño, foi tomada pouco despois por tropas portuguesas e permaneceu baixo o seu control ata a sinatura do Tratado de Lisboa de 1864, que establecía as fronteiras actuais. Desde 2016 alberga o Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas do Baixo Miño. 

Camiño Portugués da Costa

O Camiño Portugués da Costa constitúe uns dos itinerarios xacobeos que maior impulso está a tomar nos últimos anos. No que levamos de 2026, 58.170 peregrinos (+22% respecto ao mesmo período de 2025) recolleron a Compostela, dos cales 49.155 foron de procedencia estranxeira, o que supón un 85% do total de peregrinos. Como lembrou Xosé Merelles, “este dato amosa unha importante internacionalización deste itinerario”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS