Atopan falecida esta mañá a unha persoa que desaparecera dun centro de maiores en Silleda. O home, usuario da residencia, desapareceu do centro o pasado sábado 1 de agosto.
O 112 Galcia tivo constancia da desaparición arredor das 22:30 horas da noite do sábado, logo de que fose informado a través do propio persoal do centro de maiores.
Os feitos puxéronse en coñecemento dos axentes da Garda Civil, que organizaron un operativo ao que se incorporou a Unidade Operativa de Drons do Grupo de Apoio Loxístico (GALI). Tamén participaron na busca os membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Lalín e Vila de Cruces.
O desaparecido non foi atopado ata o día de hoxe, nunha zona de difícil acceso próxima á residencia de maiores, sen que nada se puidese facer por salvarlle a vida. O corpo foi achado por un particular que colaboraba na busca.

