HomeConcellos +A CañizaA Caniza, As Neves, O Porriño e Salvaterra contarán cun punto oficial...

A Caniza, As Neves, O Porriño e Salvaterra contarán cun punto oficial de observación da Eclipse do 12 de agosto

O vindeiro 12 de agosto, Galicia converterase nun dos mellores lugares do mundo para contemplar a eclipse total de Sol, un fenómeno astronómico excepcional que atraerá milleiros de persoas á comunidade.

Co obxectivo de garantir unha observación segura e ordenada, a Xunta e o Goberno estableceron distintos puntos oficiais de observación repartidos por Galicia. En concreto, na área metropolitana de Vigo serán os concellos de O Porriño, A Cañiza, As Neves e Salvaterra de Miño, ademais da propia cidade olívica, os únicos que figuran entre os municipios que contarán con estes espazos preparados para seguir o fenómeno. En todos estes casos, a visibilidade será parcial e non total.

Así, segundo establece o documento oficial, os puntos escollidos serán o Mirador de Montouto, na Caniza; o Alto de Sanomedio, en As Neves; o Faro de Budiño, en O Porriño; e a Praza do Castelo en Salvaterra de Miño.

Estes puntos foron seleccionados por reunir as condicións necesarias en materia de seguridade, accesibilidade e visibilidade, ademais de contar cos correspondentes plans de autoprotección. A súa apertura estará condicionada, en todo caso, á evolución da meteoroloxía e ao risco de incendios forestais.

En paralelo, as administracións tamén estableceron 29 zonas nas que non estará permitido seguir a eclipse, debido ás dificultades de acceso ou aos riscos que presentan. Na provincia de Pontevedra figuran espazos como o Monte da Guía en Vigo.

A maiores, a Deputación de Pontevedra colaborará no dispositivo especial repartindo preto de 30.000 lentes homologadas para facilitar unha observación segura do eclipse, así como material informativo entre distintos municipios da provincia.

Os expertos lembran que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen protección homologada. Para observar a eclipse con seguridade será imprescindible empregar lentes certificadas coa norma ISO 12312-2, evitando o uso de radiografías, cristais afumados ou outros sistemas que non ofrecen protección suficiente.

Para maior información, a Xunta de Galicia conta cunha páxina web deseñada para coñecer a hora exacta e a visibilidade (total ou parcial) de cada zona.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS