HomeNewsActualidadeBesteiro reivindica en Uruguai a Lei de Netos e carga contra o...

Besteiro reivindica en Uruguai a Lei de Netos e carga contra o PP por cualificar os pasaportes de “regalo”

O secretario xeral do PSdeG mantivo rolda de encontros con dirixentes do Frente Amplio e do socialismo uruguaio para estreitar lazos contra a "onda reaccionaria"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, intensificou en Uruguai os vínculos entre as forzas progresistas galegas e latinoamericanas nunha viaxe onde defendeu o recoñecemento da nacionalidad aos descendentes da emigración. Tal e como informou o partido, Besteiro cualificou a Lei de Netos como “un acto de xustiza e de reparación histórica”, criticando duramente que dende o Partido Popular se sostña que o pasaporte se regala, un argumento que tachou de “ataque e insulto á memoria das galegas e dos galegos que se viron obrigados a emigrar”.

Durante a súa estancia no país latinoamericano, o dirixente socialista, acompañado polo senador César Mogo, mantivo encontros con referentes políticos como a vicepresidenta da República, Carolina Cosse; o presidente do Frente Amplio, Fernando Pereira; o vicepresidente da Internacional Socialista, Rafael Michelini; e o secretario xeral dos socialistas uruguaios, Pablo Oribe. As reunións serviron para pór en común os retos socioeconómicos de Europa e América Latina e a necesidade de que a esquerda combine crecemento económico e protección social.

Fronte común contra a extrema dereita

Os participantes nos encontros compartiron a súa preocupación pola expansión da extrema dereita e a súa influencia sobre a dereita tradicional, poñendo como exemplo a postura do PP respecto á supresión da Lei de Netos. Ante este escenario, Besteiro avogou por unha resposta progresista coordinada e puxo en valor as políticas desenvolvidas polos gobernos de Pedro Sánchez e Yamandú Orsi. Na axenda tamén estivo moi presente a pegada humana e política do expresidente uruguaio José Mujica, reivindicado por todos como un referente moral pola súa austeridade e compromiso coa xustiza social.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS