HomeNewsActualidadePistoletazo de saída este venres ao ciclo de concertos Son Verán da...

Pistoletazo de saída este venres ao ciclo de concertos Son Verán da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra pon en marcha entre xullo a setembro Son Verán, un ciclo de 13 concertos en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia. Trátase de espectáculos de “alta calidade artística” nos que os nomes son os protagonistas e que pretenden sumarse á oferta cultural e musical da provincia con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos: ópera, musical, música tradicional e celta e músicas do mundo e da man de artistas da talla de Gabriel Fandi, ÓperaConcert, Queiman Folk, Laroá, Carlos Núñez, The Crass e Roi Casal.

Son Verán comeza este mesmo venres 24 de xullo co concerto de Gabriel Fandi, ás 22:30 horas, na praza do Concello de Baiona. Xa en agosto o ciclo chegará aos concellos de Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa. “Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert poderá desfrutarse en Vilanova de Arousa (23 de agosto, xardín Umbrío, 21:00 horas), Caldas de Reis (24 de agosto, Carballeira) e en Forcarei (25 de agosto, praza do Concello, 21:00 horas). Pola súa banda terá lugar un concerto de The Crass o 22 de agosto, ás 21:30 horas, na praza da Chan de Carballedo, en Cerdedo Cotobade; outro de Queiman Folk o 29 de agosto en Valga e rematarán os concertos de Son Verán do mes de agosto con Laroá, o día 30, ás 20:00 horas, na praza do Concello de Ribadumia.

No que respecta ao mes de setembro, Son Verán chegará ata os concellos de Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Na Guarda terá lugar o día 3 un concerto de Laroá e Roi Casal poderá escoitarse o 13 de setembro na praza do Concello das Neves e en Redondela. Ademais, terán lugar dous concertos de Carlos Núñez, o 18 no auditorio municipal de Marín e, aínda con data por determinar, no porto de Aldán de Cangas de Morrazo. Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 25 de setembro cun espectáculo de Queiman Folk no Porriño.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS