Santiago de Compostela volverá converterse o vindeiro 26 de xullo nun gran escenario para a música tradicional coa
celebración da oitava edición do Compostela TradFest, unha das citas máis destacadas da programación das Festas do Apóstolo e integrada nos Concertos do Xacobeo. Durante máis de doce horas ininterrompidas, a cidade encherase de concertos, ruadas e propostas musicais que conectarán a tradición galega con outras culturas do ámbito atlántico, ibérico e lusófono.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou na presentación oficial do festival e destacou que “o Compostela TradFest eleva o valor dos Concertos do Xacobeo á hora de apoiar propostas que poñen en valor a identidade cultural de Galicia e que enriquecen a experiencia de quen visita a nosa comunidade”. Neste sentido, sinalou que “a través da música tradicional e da súa capacidade para dialogar con outras culturas, o festival reforza o atractivo de Santiago como destino cultural nunhas datas tan sinaladas como as Festas do Apóstolo”.
O representante da Xunta lembrou ademais que os Concertos do Xacobeo continúan impulsando unha programación diversa en todo o territorio galego, apoiando eventos que contribúen a descentralizar a oferta cultural e a consolidar Galicia como un destino de referencia para vivir a música en directo ao longo de todo o ano.
O Compostela TradFest desenvolverase en tres dos espazos máis emblemáticos do casco histórico compostelán: a Praza da Quintana, a Praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade, integrando o patrimonio monumental da cidade nunha experiencia cultural aberta e gratuíta para todos os públicos.
A programación reunirá artistas de Galicia e doutros países nun diálogo entre tradición e creación contemporánea. Entre os nomes máis destacados figuran Budiño, un dos grandes referentes da música galega actual; Felisa Segade, unha das voces máis recoñecidas da nova escena tradicional; a artista Ana Alcaide, acompañada polo estadounidense Bill Cooley; o portugués O Gajo; o arxentino Martín Bruhn; o gaiteiro escocés Allan MacDonald, xunto a Chick McAuley & Friends, ademais do coro compostelán Vox Stellae e da Banda Municipal de Música de Santiago, que abrirá a xornada co espectáculo Horizonte Tradi.
O festival completarase con ruadas durante toda a xornada, convertendo o centro histórico compostelán nun espazo vivo onde música, patrimonio e participación cidadá convivirán ao longo de todo o día.
O programa completo pode consultarse na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

