HomeNewsActualidadeO Porriño trasformará o Velódromo nun complexo deportivo cunha inversión de 600.000...

O Porriño trasformará o Velódromo nun complexo deportivo cunha inversión de 600.000 euros

O Concello do Porriño ven de sacar a licitación por 599.985,80 o “gran proxecto” de deporte urbano do Porriño. Trátase dun proxecto para modernizar e remodelar o Velódromo Municipal, que transformará estas instalacións -inauguradas en 1993- nunha área de deporte urbano punteira en Galicia, que combinará un skatepark, un pumptrack de última xeración e zonas de descanso integradas paisaxisticamente.

A súa construcción é, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, “a resposta da demanda crecente da veciñanza, especialmente da xente moza, de espazos públicos de calidade para a práctica de disciplinas alternativas, e tamén  unha aposta decidida polo turismo deportivo”.

A execución deste proxecto conta cunha subvención 205.230,37 €  con cargo ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. O prazo de execución será de seis meses. 

As instalacións

O novo complexo deportivo, cunha superficie de actuación de 2.774 m², está deseñado para garantir a evolución segura dos usuarios, desde a iniciación ata o nivel experto, en modalidades como skate, bmx, scooter e roller:

Así, construirase un Skatepark “galáctico”, con inspiración na mítica nave do “Falcón Milenario”. Trátase dunha pista circular con diferentes alturas e ramplas. O circuíto integrará de forma identitaria o granito rosa Porriño en elementos como quarters, hubbas, caixóns e pirámides, simulando os obstáculos da rúa con varandas de diversas alturas.

Ademais disporá dun Pumptrack para todos os niveis, dende iniciación ata experto en dúas liñas cheas de dubbies, mesetas e peraltes pronunciados para coller altas velocidades mediante inercias. O seu elemento máis espectacular será un “Wallride” de madeira con estrutura de aceiro nunha das curvas. Estará situado na zona sur das instalacións.

“O trazado da pista de skatepark e do pumptrack buscarán a integración de todos os usuarios  segundo a idade, modalidade e experiencia”, apunta Lorenzo. Incluirá elementos innovadores de tal modo que unha persoa menos experimentada poda acadar unha evolución superando diversas etapas dunha forma segura, ademais se aumentan as superficies de espazos públicos de calidade do Concello do Porriño. 

Mellora integral do edificio

O proxecto non só se centra nas pistas, senón que corrixirá os problemas de filtracións do edificio principal do Velódromo, explica o alcalde que acudiu a visitar as instalacións xunto ao concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez. As actuacións inclúen a renovación da fachada cun sistema suspendido de placas de policarbonato celular en tres cores, a reparación dos paramentos interiores e a  impermeabilización das gradas así como a súa cubrición cunha  nova estrutura metálica e panel sándwich.

Espazos verdes

O deseño tivo moi en conta a necesidade de ofrecer espazos de desconexión e convivencia. No centro das pistas situarase unha zona de descanso de 185 m2 con dúas áreas circulares, bancos corridos de formigón e fontes.

A sustentabilidade ambiental estará garantida coa creación de 185 m2 de novas zonas verdes, onde se plantarán exemplares arbóreos de gran valor estético como o arce real, carballo vermello, carballo dos pantanos, bidueiro e liquidámbar, acompañados de especies arbustivas como lavanda ou pitosporo anano. Os accesos ocuparán os 546 m2 restantes.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS