HomeNewsActualidadeOs nenos e nenas de Ponteareas xa poden desfrutar da nova "LudoTea"

Os nenos e nenas de Ponteareas xa poden desfrutar da nova “LudoTea”

Ponteareas deu un novo paso no seu compromiso coa infancia e coa conciliación grazas á inauguración da nova Loduteca Municipal “Ludotea”, un equipamento que multiplica por tres a superficie da antiga instalación e transforma un edificio centenario nun espazo moderno, accesible e plenamente integrado na contorna verde do parque da Curuxeira.

Con 200 metros cadrados, a nova ludoteca ofrece unhas instalacións máis amplas, funcionais e versátiles para responder ás necesidades das familias de Ponteareas. O edificio foi rehabilitado integralmente, mellorando a súa accesibilidade, a eficiencia enerxética e a distribución interior, que permite crear dous espazos independentes ou unha gran sala polivalente segundo as actividades programadas.

A actuación supuxo un investimento total de 250.500 euros, dos que 150.000 euros foron financiados pola Xunta de Galicia e 100.500 euros pola Deputación de Pontevedra.

Ao acto inaugural asistiron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey; a directora territorial da Consellería de Política Social e Igualdade en Vigo, Ángeles Rouco; a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana; membros da corporación municipal e numerosos nenos e nenas.

A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, destacou durante a inauguración o valor dunha instalación que recolle o legado da antiga ludoteca, “pioneira no seu día, e que nace coa vocación de seguir sendo un referente para a infancia e as familias de Ponteareas”. Tamén tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que fixeron posible a historia deste servizo ao longo dos anos, especialmente para a directora da Ludoteca, Ana Belén, e para o equipo de educadoras.

Pola súa banda, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo en valor o “esforzo do Concello por reforzar as políticas de apoio á conciliación e á infancia”, lembrando que “Ponteareas foi un municipio pioneiro ao crear unha ludoteca xa en 1998”, mesmo antes da regulación autonómica deste tipo de servizos.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia da “cooperación entre administracións para impulsar proxectos que melloran a calidade de vida da veciñanza” e contribúen a afrontar o reto demográfico. Salientou ademais que Ponteareas continúa desenvolvendo “proxectos pensados para ofrecer servizos públicos de calidade” e recoñeceu o traballo realizado polo goberno municipal.

A alcaldesa, Nava Castro, foi a encargada de pechar o acto agradecendo o traballo realizado polo equipo de goberno, o persoal técnico municipal, o arquitecto responsable da obra e o equipo humano da Ludoteca. “A antiga ludoteca cumpriu magníficamente a súa función durante case tres décadas, e hoxe ábrese un novo espazo pensado para o presente e para o futuro de Ponteareas”, puntualizou Nava, destacando que a nova ludoteca será “o lugar onde os nosos nenos e nenas aprenderán, xogarán, crearán amizades e crecerán felices”, ao tempo que se ofrece ás familias un “recurso fundamental para conciliar mellor a súa vida laboral e familiar”, sinalou.

A rexedora quixo tamén destacar que esta actuación representa o valor da colaboración institucional. “Cando as administracións traballamos unidas, compartindo un mesmo obxectivo, quen gaña sempre é a cidadanía”. Por iso, agradeceu sinceramente á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra o seu compromiso con Ponteareas. “Investir na infancia é investir no futuro do noso municipio”, concluíu.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS