HomeNewsA RaiaA Deputación impulsa a construción da ponte internacional entre Monçao e As...

A Deputación impulsa a construción da ponte internacional entre Monçao e As Neves

A Deputación de Pontevedra impulsa a construción dunha ponte internacional entre Monçao e As Neves e capta fondos europeos por valor de preto de 4 millóns para impulsar a cooperación transfronteiriza nestes tres anos de goberno de Luis López. “Tomámonos moi en serio o lema da institución. Tendemos pontes e témonos convertido nun espazo de oportunidades compartidas e nunha referencia en canto a integración, desenvolvemento sostible e construción dun proxecto común de futuro”, asegurou o presidente provincial.

“O Miño -asegurou o deputado responsable de Cooperación Transfronteiriza Roberto Carrero- é un espazo compartido de historia, cultura, economía e xeración de oportunidades, e nestes tres anos temos feito un grande traballo para o avance deste territorio”. Neste eido, Carrero destacou os fondos europeos captados, que están a permitir impulsar unha marca turística compartida e proxectos de cooperación en materia medioambiental, turística e de valorización do patrimonio natural.

Ademais, a través da área de Cooperación Transfronteiriza, tal e como recordou o deputado, promóvense programas e iniciativas para facilitar a mobilidade entre as dúas ribeiras do Miño, como a ponte entre As Neves e Monçao, que conforman un polo de grande dinamismo económico. “E facémolo sempre contando cos concellos do Miño e coas cámaras municipais portuguesas, organizando actividades deportivas, culturais e sociais nas que participaron milleiros de persoas de ámbalas dúas marxes do río”, subliñou Carrero.

O deputado remarcou que “estamos a vivir un momento excepcional nas relacións e lazos entre Galicia e Portugal e temos situado á nosa provincia como un actor de referencia na cooperación europea”. Neste eido recordou o fortalecemento das eurocidades e das redes de cooperación municipal do Miño; o desenvolvemento de iniciativas compartidas para reforzar a identidade común galego-portuguesa; ou as subvencións destinadas por valor de 340.000 euros a diferentes entidades para impulsar as embarcacións tradicionais, o patrimonio cultural material e inmaterial, actividades musicais, probas deportivas transfronteirizas ou, entre outras moitas, actividades de animación nas rúas dos concellos situados ás beiras do Miño.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS