HomeNewsActualidadeDetido "in fraganti" un home de 25 anos minutos despois de roubar...

Detido “in fraganti” un home de 25 anos minutos despois de roubar nun bar de O Porriño

Unha patrulla de seguridade cidadá do Posto Principal da Garda Civil do Porriño vén de deter a un varón de 25 anos como presunto autor dun delito de roubo con forza nun bar do Porriño. O implicado foi localizado apenas uns minutos despois de cometer o asalto. Ao detido constaballe unha requisitoria xudicial en vigor para o seu inmediato ingreso en prisión.

Os feitos aconteceron na madrugada do 15 de xullo cando os axentes en servizo recibiron un aviso da Central de Coordinación (COS), que alertaba dun posible roubo nun establecemento de hostalaría da localidade. Ao personarse no lugar, os gardas civís comprobaron que o cristal da porta de acceso fora fracturado e que no interior faltaba a caixa rexistradora.

Pouco despois, unha nova alerta veciñal comunicada ao cuartel de O Porriño informou de ruídos sospeitosos xunto a unha igrexa próxima. Ao desprazarse á zona, os axentes sorprenderon ao sospeitoso ocultándose e intentado manipular a caixa rexistradora subtraída.

Tras verificar que o obxecto pertencía ao bar asaltado, a Garda Civil procedeu de inmediato á detención do mozo e á recuperación dos cartos. O detido e as dilixencias policiais foron postas a disposición da autoridade xudicial competente.

A Garda Civil destaca que a “rapidez da detención foi posible grazas á inestimable colaboración cidadá”. “O aviso inmediato dos veciños ao detectar unha actividade sospeitosa resultou determinante para que as patrullas localizaran ao autor en tempo récord”, reiteran os axentes.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS