HomeNewsActualidadeO Rosal vivirá esta fin de semana a súa XXXIV Feira do...

O Rosal vivirá esta fin de semana a súa XXXIV Feira do Viño cunha amplia programación cultural

A conta atrás remata. O Rosal abre este venres as portas da XXXIV Feira do Viño do Rosal, tres xornadas nas que a
Praza do Calvario volverá converterse no gran escaparate dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ata o domingo 19 de xullo, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha programación que combina viño, gastronomía, música, patrimonio e actividades para todos os públicos.

A inauguración oficial celebrarase o venres ás 19.30 horas e contará co pregón de Antonio Candelas, bioquímico, enólogo, xornalista e un dos principais divulgadores da cultura do viño en España. Antes do acto inaugural, ás 18.30 horas, ofrecerá a charla-coloquio “O Futuro do Viño do Rosal”, unha actividade aberta ao público que convida a reflexionar sobre os retos e oportunidades do sector vitivinícola.

A Feira reforza a súa dimensión familiar con programación cultural pensada para todas as idades, pero poñendo o foco nos máis pequenos da casa. O espectáculo itinerante Girafes, da compañía catalá Xirriquiteula Teatre, será un dos grandes atractivos da fin de semana, xunto aos espectáculos Clownamorado e O conto de Barrigaverde, así como os obradoiros infantís de cociña e reciclaxe.

A música volverá acompañar cada xornada da feira coas actuacións de The Tetas’ Van, El Cuarto de Tula e The Pretty Shirts, ademais das sesións vermú de Groovin Folks e Awen e do pasarrúas do Grupo de Gaitas Airiños do Folón, configurando unha programación que percorre estilos como o pop- rock, a música cubana, o rock, o soul, o blues ou a música tradicional galega.

Entre as novidades desta edición destaca o Túnel do Viño, unha experiencia no Museo do Cabaqueiro que, da man dun sumiller, permitirá descubrir a riqueza dos viños do Rosal dunha forma máis divulgativa e participativa.

Nesta edición serán once as adegas participantes, consolidando o crecemento da feira. A programación complétase cunha ampla oferta gastronómica, exposicións, visitas guiadas ao patrimonio e diferentes actividades culturais, convertendo a Feira do Viño nunha experiencia que vai moito máis alá da degustación.

Para facilitar os desprazamentos, repetirase o servizo especial de autobuses que conectará o Rosal con distintos puntos da comarca, favorecendo unha mobilidade máis segura e sostible. A feira manterá tamén as medidas que lle permitiron obter a certificación como festa sostible, entre elas os vasos.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS