HomeNewsActualidadePonteareas prepárase para recibir a nadadores de primeiro nivel no seu “XXVI...

Ponteareas prepárase para recibir a nadadores de primeiro nivel no seu “XXVI Trofeo Amizade”

O Club Natación Ponteareas vén de realizar a presentación oficial do “XXVI Trofeo Amizade”, unha das citas máis consolidadas do calendario galego de natación.

O acto, que tivo lugar nas instalacións do patrocinador do club BoPapel, contou coa presenxa do presidente do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera.

O encargado de abrir o acto foi o presidente do Club Natación Ponteareas, Andrés, quen agradeceu o “importante apoio” de Bopapel, así como dos restantes patrocinadores, á vez que puxo de manifesto que estamos ante unha edición que conta cun “alto nivel participativo”, destacando ao vigués do Canoe madrileño Miguel Martínez, que se atopa en plena preparación dos “Xogos do Mediterráneo” coa selección española e que figura como o principal candidato ao podio.

O presidente tamén destacou a presenza doutros nadadores de primeiro nivel, finalistas en Campionatos de España ou con marcas galegas. Tamén fixo alusión a esa XVII edición do Trofeo Concello de Ponteareas” co que se premiará aos tres mellores nadadores, tanto masculino como feminino. Doutra banda, a proba tamén destaca porque será unha oportunidade máis parta os participantes de buscar marcas mínimas para participar en competicións autonómicas e nacionais.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, destacou o “gran traballo que se ven facendo no club, con grandes resultados a nivel galego e nacional” á vez que os felicitou por “esa capacidade para atraer un gran número de nadadores, que traballa, que intenta mellorar e que iso se ve nos resultados”.

O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, felicitou ao club organizador á vez que destacou que o club “conta cunhas instalacións modélicas” que serán obxecto de ampliación co fin de seguir mellorándoas”. Finalmente a alcaldesa, Nava Castro, mostrou o seu agradecemento pola invitación á presentación da proba, que sempre conta co apoio da Federación, “algo fundamental e que supón un recoñecemento ao traballo ben feito”. Nava tamén quixo facer extensivo o seu recoñecemento ao gran traballo dos pais dos deportistas e dos colaboradores do club, así como aos patrocinadores, “fundamentais para levar a cabo unha proba referente no calendario”, como é este “Trofeo Amizade”.

No acto de presentación Andrés Carrera avanzou unha das prioridades fixadas para a próxima edición do Trofeo, que pasa por “facelo inclusivo, algo que levo na cabeza desde hai anos”. Carrera mostrou o seu desexo de ser “pioneiros na edición do próximo ano, que sexa o da inclusión”, con probas para discapacidade física, intelectual e sensorial, diferenciando a categoría down, “algo que non se adoita facer”, apuntilla Andrés.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS