HomeNewsActualidadeO Goberno destina 740.000 euros a Galicia para a acollida de menores...

O Goberno destina 740.000 euros a Galicia para a acollida de menores migrantes

O Executivo central reparte 35 millóns entre as comunidades autónomas, priorizando os territorios con maior presión migratoria

O Consello de Ministros autorizou este martes o envío de 740.629 euros a Galicia para o sistema de acollida de nenos e adolescentes migrantes non acompañados. Esta partida forma parte dun paquete de 35 millóns de euros aprobado polo Goberno central para apoiar aos sistemas de protección autonómicos.

A ministra de Xuventude e Infancia, Sira Rego, defendeu que con estes fondos o Executivo “demostra o seu esforzo” por garantir o benestar e o interese superior dos menores migrantes. Segundo os criterios de reparto, as maiores asignacións corresponden ás zonas con maior carga migratoria: Ceuta recibirá 5,5 millóns, mentres que Canarias percibirá 4 millóns, Melilla 4 millóns e Baleares 2 millóns. O resto do orzamento distribúese entre as comunidades restantes en función da súa capacidade actual de acollida.

Conferencia Sectorial este xoves

O destino definitivo e os detalles deste repartimento serán tratados formalmente este xoves, ás 10:00 horas, na Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia que reunirá ao Ministerio e aos representantes das autonomías. Na orde do día tamén figuran a regulación do Rexistro Central sobre violencia contra a infancia e a actualización dos proxectos Barnahus.

A cita chega marcada pola tensión política das últimas reunións. O pasado mes de abril, a anterior Conferencia Sectorial non puido celebrarse por falta de quórum, despois de que as comunidades gobernadas polo PP —salvo Ceuta e Canarias— se plantasen ante a ministra. Aquel episodio derivou nun intercambio de acusacións, nas que Rego cualificou de “lamentable” o boicot ás políticas de protección e criticou duramente a postura dos populares respecto ao reparto de menores.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS