Este venres, 17 de xullo, as pezas de xadrez tomarán o protagonismo na praza do Concello do Porriño coa celebración do I Torneo Xadrez Concello do Porriño. Organizado en colaboración co Club Xadrez Mos, este evento promete unha “tarde-noite de estratexia, emoción e moita participación cidadá”.
Así, o torneo contará con dúas modalidades diferenciadas. Por unha banda, a Categoría A será un torneo oficial válido para Elo FIDE Blitz, pensado para os xogadores máis experimentados que buscan puntuar no ránking internacional.
Mentres, a Categoría B está deseñada especialmente para os afeccionados e, de xeito moi particular, para as familias. “É unha oportunidade xenial para os familiares que son afeccionados ao xadrez e que pasan todo o ano acompañando aos nenos e nenas de torneo en torneo sen ter nunca a oportunidade de xogar”, explica Brais Otero, o coordinador do Clube.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou o impacto positivo que teñen estas actividades no municipio, sinalando que “eventos como este non só dan visibilidade ao xadrez, que destaca como ferramenta educativa e social, senón que tamén fomentan valores como a concentración, a toma de decisións e o respecto polo adversario”.
Horarios do torneo
A competición desenvolverase ao longo da tarde e da noite do venres cos seguintes horarios confirmados para as partidas: 19:30, 20:00, 20:30, 21:00, 21:30, 22:00 e 22:30. O acto de clausura terá lugar ás 23:00 horas.
As bases completas están na páxina web do concello ( www.oporrino.org ) Ademais, para máis información e inscricións, o club facilita o teléfono 618 873 541 e o correo electrónico clubxadrezmos@gmail.com.

