HomeNewsActualidadeA Xunta arquiva definitivamente o proxecto de Altri en Palas de Rei...

A Xunta arquiva definitivamente o proxecto de Altri en Palas de Rei por «inviable»

A Consellería de Economía e Industria desestima as alegacións da empresa lusa, ao non garantir a conexión eléctrica necesaria nin o acceso aos fondos europeos

O macroproxecto da celulosa que a empresa lusa Altri pretendía levantar en Palas de Rei xa é historia. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou este venres o arquivo definitivo do expediente tras considerar que as alegacións presentadas pola filial da compañía, Greenfiber, non son «adecuadas nin suficientes» para manter viva a iniciativa.

A decisión da Xunta chega despois de que a proposta quedase fóra das planificacións estatais de subestacións eléctricas ata 2030 e de non lograr os fondos europeos do PERTE de descarbonización aos que optaba. Segundo explicou Lorenzana, a compañía insistía na «autosuficiencia enerxética» para evitar a necesidade de conexión externa á rede, un argumento que o Goberno galego non aceptou por ir en contra da planificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco).

Un proxecto marcado pola polémica

A planta, que fora declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) pola Xunta en 2022, atopouse desde o principio cunha forte oposición social. Plataformas como Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa lideraron numerosas mobilizacións masivas en Palas de Rei, Santiago e Arousa, alertando sobre o impacto ambiental que a fábrica podería ter no corazón de Galicia.

Tamén a oposición política no Parlamento galego mantivo unha postura crítica, cuestionando tanto a xestión do Executivo autonómico como a falta de transparencia sobre o acordo asinado con Altri o 1 de outubro de 2021. Sobre este documento, a Xunta aclarou que foi subscrito pola sociedade Impulsa Galicia —xa disolta— e non pola Consellería de Economía como tal.

Sen constancia de novos intentos

Aínda que a compañía lusa ten aberta a vía de presentar un recurso contencioso-administrativo contra esta resolución, a conselleira indicou que non ten constancia de que Altri pretenda iniciar un novo expediente para implantarse na zona.

Desta forma, o que foi un dos proxectos industriais de maior repercusión política e social dos últimos anos en Galicia chega ao seu fin oficial, pechando un proceso de máis de 1.500 días marcado polas dificultades técnicas de conexión e a crecente contestación na rúa.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS