HomeNewsActualidadePonteareas avanza no futuro módulo cuberto de atletismo

Ponteareas avanza no futuro módulo cuberto de atletismo

O Concello de Ponteareas vén de aprobar, de forma definitiva, o financiamento do novo Módulo Cuberto de
Atletismo,
“un proxecto concibido para que as vindeiras xeracións dispoñan dunhas instalacións á altura da tradición atlética do noso municipio” aseguran dende o goberno local.

Esta actuación, que supón un investimento próximo aos 4,3 millóns de euros, permitirá dotar a Ponteareas dunha “infraestrutura moderna, funcional e preparada para responder ás necesidades do atletismo actual, garantindo o adestramento durante os 365 días do ano”.

O proxecto incorpora no deseño as achegas realizadas pola Federación Galega de Atletismo e apoiase na necesidade de apostar por unha instalación máis completa, versátil e adaptada ás necesidades reais dos deportistas.

O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, destacou que “o noso obxectivo nunca foi facer unha infraestrutura máis, senón construír a que realmente necesitaba Ponteareas para seguir sendo unha referencia do atletismo galego durante as próximas décadas”, Este módulo cuberto, “que suporá o terceiro pavillón polivalente para distintas modalidades deportivas” engadiu González, “permitirá mellorar a preparación dos deportistas de base, impulsar programas de tecnificación, favorecer a celebración de concentracións deportivas, complementar o resto das instalacións municipais e ofrecer a nenos, mozos e clubs un espazo axeitado para adestrar con independencia das condicións meteorolóxicas”.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “todo gran deportista comeza sendo un neno ou unha nena chea de ilusión. A nosa responsabilidade é ofrecerlles as mellores oportunidades para que poidan desenvolver todo o seu talento. Este módulo cuberto é un investimento nas persoas, na saúde, no deporte e no futuro de Ponteareas”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS