A Garda Civil detivo a dúas persoas na Guarda, un home de 56 anos e unha muller de 63, como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas. A maiores, desmantelou un punto de venda de estupefacientes no municipio.
A investigación comezou a principios do mes de maio, tras detectarse un aumento da presenza de consumidores de droga nas proximidades dunha vivenda. Tras varios controis e vixilancias, os axentes puideron comprobar de primeira man o continúo tránsito de persoas que acudían ao lugar co obxectivo de mercar substancias estupefacientes.
Foi o pasado 5 de xuño, cando os axentes acometeron o rexistro onde interviñeron un total de 20 papeliñas de cocaína e heroína preparadas para a venda, 12 gramos de heroína, 70 gramos de cocaína, 50 gramos de corte, 1700 euros en efectivo e diverso material empregado para a manipulación e distribución da droga.
As dúas persoas quedaron en liberdade tras pasar a disposición xudicial, a pesar de que seguen sendo investigados por un delito de tráfico de drogas.

