O parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei inaugurará o próximo 19 de xuño a súa tempada de verán deste
2026, que se prolongará ata o 13 de setembro.
As instalacións incorporarán as novas zonas actualmente en execución unha vez rematadas as obras de ampliación. Tendo en conta que a apertura se realizará de forma progresiva, as tarifas manteranse inicialmente igual que o ano pasado e incrementaranse de xeito acorde aos novos servizos cando entren en funcionamento as fases que se atopan en execución, o que se prevé para xullo.
Nesta liña, cómpre indicar que continúan os traballos da fase dúas, coa construción dun espazo de relax cun río lento e espazos verdes, por importe de case 1,9 millóns de euros e das fases tres e catro, que inclúen novos tobogáns e un parque multiaventura, por importe de case 1,85 millóns de euros. A execución destas tres fases correspóndelle á Deputación provincial de Ourense no marco da colaboración coa Xunta.
O Goberno galego investiu 9 millóns de euros na fase 1, en funcionamento desde 2024, que incluíu, entre outros servizos, as piscinas infantil, de relax e de ondas, así como unha zona de splash, unha zona de xogos e varias atraccións. Nesta contía, tamén se inclúen as achegas por parte da Xunta para transformar a área deportiva do complexo lúdico e deportivo.
Polo tanto, o orzamento global das instalacións desta área deportiva e de lecer ascende a preto de 13 millóns de euros, dos que nove foron sufragados pola Xunta e os 3,6 restantes se enmarcan no acordo asinado entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para garantir o remate do parque acuático coas actuacións que se están executando.
Por outra parte, a Xunta vén de asinar o contrato coa empresa Osventos Innovación en Servizos para levar a cabo xestión integral do complexo deportivo desta campaña de verán deste ano. O contrato foi licitado o pasado febreiro por case un millón de euros e adxudicado a esta entidade o pasado maio. Para prestar o servizo, prevese a contratación de máis de 70 persoas, incluíndo 30 socorristas con acreditación profesional, e persoal técnico sanitario, así como para mantemento, limpeza, portelo, cafetería e equipo de supervisión.

