O Concello do Porriño iniciou esta mañá, na parroquia de Cans, unha nova rolda de visitas da súa Caravana Municipal de Atención Cidadá. Esta oficina móbil, impulsada polo goberno local, ten como obxectivo prioritario achegar os servizos administrativos ao rural e facilitar que a veciñanza poida realizar trámites directamente desde a súa contorna sen necesidade de desprazarse ata o centro urbano. O alcalde, Alejandro Lorenzo, estivo presente neste primeiro encontro para recoller de primeira man as peticións de cada residente.
A caravana funciona como unha extensión do propio consistorio e ofrece unha ampla carteira de servizos públicos integrados. A través desta oficina itinerante, os veciños teñen a posibilidade de realizar diversas xestións administrativas, tramitar solicitudes oficiais e acceder de forma áxil a información municipal de interese. A cercanía as súas vivendas posibilita que poidan achegase sen coller o vehículo pero ademáis permite poder visitar no momento o espazo concreto das súas demandas.
Así, ademais do alcalde, nesta xornada estiveron presentes na caravana Bárbara Troncoso, concelleira de atención cidadá e protocolo; Marcos Martínez, concelleiro de parroquias, comunidades de augas e montes e parques infantís; Bienvenido Estévez, concelleiro de cultura, festas e novas tecnoloxías; Carlos González, concelleiro de parques e xardíns, cemiterios, limpeza viaria e lixo; e Teresa Veloso, concelleira de emprego e formación.
Seguintes paradas
Tras esta primeira parada en Cans, a caravana municipal continuará o seu itinerario polas demais parroquias do municipio ao longo das vindeiras semanas en horario de mañá. O calendario oficial proseguirá o vindeiro xoves 11 de xuño en Atios, mentres que a seguinte cita terá lugar o luns 15 de xuño en Mosende. Posteriormente, a oficina móbil visitará Carracido o xoves 25 de xuño e desprazarase a Budiño o xoves 2 de xullo. O percorrido polos núcleos rurais do Porriño pecharase durante o mes de xullo coas visitas programadas a Torneiros o xoves 9, a Pontellas o xoves 16 e, finalmente, á parroquia de Chenlo o xoves 23 de xullo.

