O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a incorporación de Agustín Reguera, que vén de rematar a súa etapa como delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, como novo director de Acción Municipal e Investimentos do goberno provincial.
Coa súa chegada, a Deputación suma ao seu proxecto a un “profesional de recoñecida traxectoria no municipalismo, que coñece todos os recunchos da provincia e que entende á perfección o funcionamento e as particularidades da administración local tanto polos seus 28 anos como alcalde de Soutomaior como polos tres anos que ocupou o posto de representante do goberno autonómico en Pontevedra” asegura o Presidente da sede provincial.
“Estou moi ilusionado e motivado con este nova etapa e por compartir os valores e compromiso da Deputación na cooperación cos concellos”, declarou o novo director de Acción Municipal. Entre as súas funcións, Agustín Reguera asume o compromiso de deseñar estratexias e liñas de actuación para a captación de fondos e para a súa distribución entre os concellos da provincia, definir políticas dirixidas á mellora e ao fortalecemento dos concellos, prestar asistencia e asesoramento ao servizo de Presidencia e de Cooperación da Deputación e atender os alcaldes, as alcaldesas e as institucións que soliciten orientación ou apoio á Deputación.
Neste sentido, o mandatario provincial puxo en valor a ampla e recoñecida traxectoria de Agustín Reguera como servidor público, así como o seu talante conciliador e dialogante con todos os representantes do sector público e privado que vén demostrando no exercicios de todos os seus cargos públicos.

