O Concello de Ponteareas continúa avanzando na conservación e posta en valor do Castro de Troña coa execución dos traballos de retirada de vexetación na contorna deste xacemento arqueolóxico, unha actuación “realizada baixo control arqueolóxico e coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia”, aseguran dende o goberno municipal.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández e técnicos municipais comprobaron de primeira man o resultado desta intervención, impulsada co obxectivo de “mellorar a protección, conservación e visibilidade dun dos principais elementos patrimoniais do municipio”.
Os traballos centráronse na eliminación de vexetación invasora, especialmente acacias e eucaliptos, así como na limpeza de diferentes zonas do castro e dos accesos ao recinto, permitindo recuperar a imaxe e as condicións ambientais do enclave.
A actuación desenvolveuse aplicando medidas específicas de protección arqueolóxica para garantir a conservación das estruturas existentes, evitando afeccións ás murallas, foxos, muros e demais elementos patrimoniais presentes no xacemento. Ademais, realizouse seguimento arqueolóxico durante toda a execución dos traballos e empregáronse técnicas manuais nas zonas máis sensibles.
A concelleira de Medio Ambiente quere resaltar que “a presenza continuada durante décadas de vexetación invasora e de árbores de gran porte no interior e contorna do xacemento provocou que boa parte das estruturas arqueolóxicas quedasen ocultas á vista, dificultando a comprensión da verdadeira dimensión do Castro de Troña. Esta situación impedía apreciar en toda a súa magnitude un dos bens patrimoniais máis relevantes do municipio e de Galicia, ademais de supoñer un risco para a súa correcta conservación”.
A edil subliñou que “grazas a esta actuación, recuperouse a visibilidade de amplos sectores do xacemento, permitindo facer unha nova cartografía dixital da totalidade das estruturas arqueolóxicas, volvendo percibir a extensión das súas murallas, foxos e demais elementos defensivos. Unha realidade que pon de manifesto a importancia de continuar coidando e mantendo este Ben de Interese Cultural para evitar que o seu valor histórico e paisaxístico quede novamente oculto baixo a vexetación. É unha mágoa que durante tantos anos a vexetación invasora e árbores de gran porte ocultasen boa parte dun patrimonio que é de todos. O Castro de Troña merece ser visto, coñecido e comprendido na súa verdadeira dimensión. Recuperar a súa visibilidade é tamén recuperar parte da nosa historia e da nosa identidade colectiva”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinala que “o Castro de Troña é un dos grandes símbolos patrimoniais do noso municipio e esta actuación supón un importante paso na súa protección e posta en valor. E non só iso, xa que non só buscamos recuperar o valor de Troña como xacemento arqueolóxico de referencia, senón tamén como miradoiro natural do Val do Tea. A conservación do patrimonio histórico e natural é unha prioridade para este goberno, apostando sempre por actuacións responsables e respectuosas co entorno”.

