O Concello de Tui ven de iniciar o procedemento para adxudicar as cinco vivendas rehabilitadas no edificio municipal, no barrio do Monte, en Caldelas para destinalas a alugueiro social.
Durante un prazo de vinte días naturais, contados dende este martes, cando se publicou o anuncio no BOPPO, pódense presentar as solicitudes, no modelo dispoñible na web municipal ou na casa do concello, para a inclusión na Listaxe de demandantes de vivenda de alugueiro social.
Cun investimento de medio millón de euros, financiados con fondos municipais e do Instituto Galego da Vivenda e Solo, IGVS, o Concello de Tui acometeu a rehabilitación destas vivendas seguindo criterios de eficiencia enerxética nesta actuación.
Cada vivenda conta tres dormitorios, distribuidor, cociña amoblada e con electrodomésticos, sala de estar-comedor, 3 dormitorios e un baño. No caso da vivenda adaptada amais dispón dun aseo, acceso a vivenda cuberto e garaxe cuberto con acceso directo ao interior da vivenda. Precisamente a vivenda adaptada é a de maior tamaño, 120,65 m 2 , hai dúas vivendas de 60,05 m 2 , unha de 58,65 m 2 e outra de 56 m 2 .
A renda mensual establecerase en función dos ingresos da unidade familiar, oscilando entre o 1€/m 2 metros cadrado de superficie útil para ingresos inferiores a 0,9999 veces o IPREM, de 1,30€/m 2 para ingresos entre 1 e o 1,4999 veces o IPREM, e de 1,50€/m 2 para ingresos entre 1,5000 e 2,4999 veces o IPREM. O prazo de duración do arrendamento da vivenda social será de 5 anos, prorrogable como máximo con carácter bianual por 4 anos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, subliña que se trata de “vivendas de alugueiro social, engadindo que para acceder ás mesmas hai que cumprir unha serie de requisitos recollidos na ordenanza municipal” como estar empadroado en Tui, non posuír outra vivenda en propiedade, ou que a unidade familiar teña ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, IPREM.
Entre todas as persoas demandantes que cumpran os requisitos, unha vez remate o prazo de solicitude, realizarase unha baremación, seguindo os criterios establecidos na ordenanza, e adxudicaranse as vivendas. Na ordenanza municipal, dispoñible na web municipal, pódense consultar os requisitos completos e os criterios de baremación.
Enrique Cabaleiro avanza que “dende o Concello están a traballar para poder acudir a outra liña de subvención para poder acometer a rehabilitación das outras vivendas que quedan pendentes no mesmo inmoble”.

