HomeNewsActualidadeO Porriño pon á disposición das persoas peregrinas as credenciais oficiais do...

O Porriño pon á disposición das persoas peregrinas as credenciais oficiais do Camiño de Santiago

O Concello do Porriño informa de que, a partir de hoxe, as persoas que desexen iniciar o seu percorrido polo Camiño Portugués a Santiago poderán adquirir as súas credenciais oficiais no municipio.

As credenciais estarán dispoñibles na oficina de VIDE, situada na rúa Ramón González, facilitando así aos milleiros de peregrinos que cada ano escollen O Porriño como punto de partida a posibilidade de iniciar a súa experiencia xacobea coa documentación necesaria para obter posteriormente a Compostela.

Desde o Concello agradecen especialmente “a colaboración e as xestións realizadas polo párroco de Santa María do Porriño, Don Ángel, que fixeron posible que este servizo poida ofrecerse no municipio”.

O Camiño Portugués rexistrou durante o ano 2025 un total de 100.831 peregrinos, dos cales 3.646 iniciaron o seu percorrido no Porriño, completando os 100 quilómetros mínimos esixidos para obter a Compostela.

Co obxectivo de ofrecer unha mellor acollida ás persoas peregrinas e de reforzar a identidade do municipio como porta de entrada ao Camiño, cada credencial entregarase acompañada dun estuche conmemorativo cos símbolos oficiais do Camiño de Santiago e unha mensaxe de benvida e bo camiño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “O Porriño é un punto de partida elixido por milleiros de peregrinos procedentes de todo o mundo. Queremos que a súa experiencia comece aquí da mellor maneira posible e que leven consigo un recordo do noso concello, da nosa hospitalidade e da nosa vinculación histórica co Camiño de Santiago”

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que “a posta á disposición das credenciais no propio municipio era unha demanda necesaria para seguir mellorando os servizos que ofrecemos ás persoas peregrinas. O Porriño é Camiño, pero tamén é destino, e queremos que quen nos visita garde unha lembranza especial da súa saída desde a nosa vila”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS