A XXIII edición do Festival de Cans, pola que pasaron máis de 12.000 persoas ao longo dos cinco días de programación, volveu deixar cifras récord no relativo ao seu impacto social e económico, consolidándose un ano máis como un evento cultural de referencia.
O festival aumentou o número de contratacións vinculadas á organización e contribuíu a unha ocupación hoteleira do 100%, tanto no Porriño como en municipios limítrofes, especialmente durante a fin de semana central do certame.
A nivel laboral, o Festival de Cans xerou un total de 180 postos de traballo. Esta cifra supón un récord na historia do certame e un aumento de case un 14% con respecto á pasada edición, na que foran 158 persoas as contabilizadas. Do número total de postos de traballo nesta edición, 80 foron altas directas na Seguridade Social vinculadas ao festival, en áreas como produción, transporte, coordinación de convidados, barras, merchandising, salas ou montaxe de espazos. Nove destas altas corresponderon a alumnado en prácticas de diversos centros, que nesta ocasión tamén se activaron desde o festival.
“Dentro das contratacións directas, destacan especialmente as que corresponden á veciñanza da aldea“, destacan dende a organización. Así, un total de 15 persoas contratadas eran de Cans, o que supón máis do 20% do total. “Un dos datos máis significativos dáse no equipo de salas, onde das 8 persoas contratadas, 7 eran veciñas de Cans, é dicir, o 87,5%, garantindo ademais a presenza dunha persoa da aldea en cada espazo de proxección”.
Ademais, o Festival de Cans contou este ano coa participación de 48 persoas voluntarias, entre as que están 19 nenas e nenos que exerceron como guías dos camiños, nunha edición que rexistrou o maior número ata o de agora. Do total de voluntariado, 33 persoas eran veciñas da aldea, o que supón outro récord nesta área, representando case o 70% dos participantes e reforza o forte vínculo e implicación do pobo co festival.
Desde a organización do Festival de Cans valoran especialmente este dato, “xa que evidencia o forte impacto comunitario e afianza o modelo participativo que constitúe unha das bases sobre as que se sostén a singularidade deste evento”.
Un 100% de ocupación hoteleira
A ocupación hoteleira volveu rexistrar cifras de ocupación do 100%, xa que a maioría de hoteis e hostais do Porriño estiveron ocupados por público que asistiu ao festival, sobre todo na fin de semana central do certame, segundo indican dende o Festival. As contratacións hoteleiras estendéronse a establecementos de Vigo, Tui, Ponteareas e outras localidades da área metropolitana.
Só para membros da organización, convidadas e convidados e patrocinadores, o festival reservou un total de 172 habitacións ao longo dos cinco días de certame. E
Según os datos de compra de entradas en liña e de rexistro de hoteis, foi numeroso o público chegado de diversas partes de España e do Norte de Portugal. Houbo visitantes chegados de Madrid, Barcelona, Bilbao, Salamanca, Palma de Mallorca, León ou Miranda de Ebro e outros chegados de localidades portuguesas como Valença de Minho, Caminha, Paredes de Coura ou Porto.
Esta presenza continuada de personal da organización e convidados, xerou tamén un importante impacto nos servizos de restauración da zona. Só a nivel interno de organización e convidados, o Festival bateu este ano a súa cifra de servizos de comida, chegando a 1.003 servizos. É a primeira vez na historia do certame que se rebasan os mil servizos de comida, rebasando amplamente os 860 servizos da última edición. En total, o Festival fixo gasto de contratación en oito restaurantes e empresas de cátering da zona, ubicadas tanto na aldea de Cans como no centro do Porriño.
A organización deste ano contou ademáis con reforzos de contratación privada de servizos de limpeza, seguridade e accesibilidade, incluíndo baños adaptados e unha nova rampa accesible construída para acceder ao Parque do Río. Un dos espazos con gran aceptación foi o novo lugar Espazo Cueiros, adicado ao descanso de nais lactantes e a atención das familias, reforzando a idea do festival de repensar os coidados en relación ao público e aos traballadores e convidados.

