HomeNewsActualidadePonteareas presenta o programa “Primavera pola Diversidade”

Ponteareas presenta o programa “Primavera pola Diversidade”

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Benestar Social, Igualdade, Saúde, Consumo e Colectivos LGTBIQ+, está a desenvolver durante estas semanas a programación “Primavera pola Diversidade”, unha iniciativa que reúne diferentes actividades de sensibilización, participación e visibilización arredor da diversidade e da inclusión.

A programación arrancou o pasado 17 de maio, coincidindo co Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia, coa difusión dun manifesto institucional a favor do respecto e da defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+. E esta mesma fin de semana comezou tamén o curso de defensa persoal, unha actividade que acadou un importante éxito de inscrición e participación.

Baixo o paraugas de “Primavera pola Diversidade”, o Concello continuará desenvolvendo nas próximas semanas diferentes iniciativas como actividades arredor do Día do Orgullo LGTBIQ+, a presentación do “Arco da Vella Virtual”, un concurso de fotografía, a instalación de buzóns participativos para compartir relatos, experiencias e reflexións sobre inclusión e
diversidade, así como a charla “Sexualidade para a diversidade”, prevista para o vindeiro 10 de xuño.

Dentro desta programación pintouse unha bandeira LGTBI nun paso de peóns na zona de ocio nocturno da vila, unha acción simbólica de visibilización e apoio á diversidade que tal e como indican dende o goberno “foi vandalizada en menos de 24 horas”.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade, Saúde, Consumo e Colectivos LGTBIQ+, Raquel Plana, subliña que “a diversidade debe celebrarse e defenderse todos os días do ano. Queremos que Ponteareas sexa unha vila aberta, respectuosa e segura para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro destaca que “esta programación nace coa vontade de implicar á cidadanía e seguir avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva, na que o respecto e a igualdade formen parte do día a día”.

O Concello de Ponteareas anima á veciñanza a participar e sumarse a esta “Primavera pola Diversidade”, unha iniciativa que aposta pola convivencia, a empatía e a visibilidade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS