HomeNewsActualidadeO Porriño clausura o curso de Atención Sociosanitaria con alta demanda laboral

O Porriño clausura o curso de Atención Sociosanitaria con alta demanda laboral

O Concello do Porriño acolleu hoxe o acto de clausura do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, unha acción formativa de nivel 2 (AFD) que contou co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Ao acto oficial de peche asistiron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a concelleira de Emprego, Teresa Veloso, que acompañaron aos alumnos e alumnas que completaron con éxito esta etapa formativa.

Esta acción formativa estivo dirixida a persoas desempregadas co obxectivo de mellorar a súa cualificación e impulsar a súa inserción nun dos sectores máis demandados na actualidade. Cun total de máis de 500 horas de formación, o programa incluíu un módulo teórico de 450 horas e 80 horas de prácticas profesionais non laborais, realizadas en centros de atención social da zona que, a miúdo, se converten en portas de acceso directas ao mercado de traballo.

O alumnado adquiriu competencias fundamentais en comunicación, coidados básicos e avanzados, atención psicosocial, xestión de emerxencias e fomento da autonomía das persoas usuarias, ademais de habilidades transversais indispensables como a empatía e o traballo en equipo.

Ao tratarse dun curso de nivel 2 (que require como acceso o título de ESO ou un curso de nivel 1 da mesma rama), os participantes obteñen o Certificado de Profesionalidade. Esta titulación oficial, recoñecida a nivel nacional e internacional, non só os capacita para traballar en entidades sociais, residencias, centros de día ou centros de atención a dependentes, senón que, pola súa transversalidade, tamén abre as portas ao Servizo de Atención no Fogar (SAF) e á atención a domicilio.

As perspectivas para os novos profesionais son excelentes, avaladas polo 65% de inserción laboral acadado na edición anterior. Dende o goberno local, o alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación,Teresa Veloso, reiteraron “o compromiso do Concello coas políticas activas de emprego que ofrecen formación gratuíta, homologada e con futuro real para a veciñanza”. Do mesmo xeito, a delegada da Xunta mostrou o compromiso da administración autonómica coa formación como medida efectiva de empregabilidade.

Dada a alta demanda asistencial no sector, o Concello do Porriño non detén a súa actividade formativa. Segundo avanzaron os responsables municipais, está previsto que o próximo mes arranque unha nova edición desta mesma especialidade. Todas as persoas interesadas en dar un xiro ao seu futuro profesional nesta rama xa poden solicitar a súa praza.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS