HomeNewsActualidadeO BNG descarta presentar unha moción de censura contra Jácome en Ourense

O BNG descarta presentar unha moción de censura contra Jácome en Ourense

Os nacionalistas cren que, a menos dun ano para as eleccións municipais, intentar agora este movemento "non ten nin pés nin cabeza" e só beneficia ao actual alcalde

O futuro inmediato do Concello de Ourense parece despexado de cambios bruscos. Tras a cuestión de confianza á que se someteu o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a oposición dispón dun mes para presentar unha moción de censura alternativa. Porén, o BNG xa cortou calquera vía de negociación ao respecto: “A nós que non nos chamen”, sentenciou este mércores o concelleiro nacionalista Xosé Manuel Puga.

Para os nacionalistas, a situación actual é moi distinta á de hai dous anos, cando o Bloque puxo a súa firma para tentar desaloxar a Jácome nunha operación que finalmente fracasou pola falta de acordo entre o PP e o PSOE. “Hoxe non é o momento”, resumiu Puga ante os medios, cualificando de inútil calquera intento de última hora.

Foco nas eleccións de 2027
O edil do BNG foi contundente ao afirmar que a súa formación non entrará nun xogo que consideran que só favorece ao actual rexedor. Segundo Puga, estes movementos políticos serven para desviar a atención pública da xestión de Jácome e dos seus problemas xudiciais, algo que non axuda a mellorar a situación do municipio.

“Nós estamos ao que temos que estar, que é ofrecerlle á cidadanía de Ourense unha esperanza para dentro dun ano”, defendeu o concelleiro, sinalando que o obxectivo do Bloque é centrarse na preparación da cita electoral de maio de 2027.

Deste xeito, sen o apoio do BNG, a posibilidade de configurar unha alternativa que requira o consenso de populares, socialistas e nacionalistas faise inviable. O partido descarta así calquera invitación para sentar a negociar e marca a súa folla de ruta propia, lonxe das tensións que marcan os plenos municipais ourensáns.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS