O PSdeG-PSOE de Ponteareas celebrou con satisfacción o impulso definitivo ao proxecto de mellora da N-120 tras a reunión mantida esta semana na Coruña co delegado do Goberno, Pedro Blanco. O compromiso estatal contempla o inicio das obras a principios de 2027, un fito que a formación socialista atribúe á súa mediación directa co Executivo central e á presión exercida pola Plataforma pola Mellora da N-120.
Segundo os datos trasladados polo Ministerio de Transportes, o proxecto construtivo atópase na súa fase final de redacción. A previsión é que sexa remitido á Dirección Xeral de Estradas no segundo semestre deste ano para a súa aprobación e posterior licitación. A actuación, cun orzamento estimado de 5 millóns de euros, incluirá modificacións para garantir que se manteñan os accesos ás estradas locais, tal e como solicitara a veciñanza.
“Ponteareas conta cando hai un goberno socialista”
A portavoz municipal do PSdeG, Vanesa Fernández, destacou que este anuncio demostra a efectividade da súa xestión ante Madrid. “Cando hai un goberno socialista, Ponteareas conta e as súas demandas son escoitadas”, afirmou Fernández, contrapoñendo esta “solución real” co que cualificou de “confrontación baleira” doutras formacións.
Dende a agrupación local quixeron facer fincapé na importancia da Plataforma pola Mellora da N-120, describindo o seu labor como “motor fundamental” para converter esta demanda histórica nunha realidade próxima.
Críticas ao PP local
Aproveitando o anuncio, o PSdeG lanzou un duro ataque contra o Partido Popular de Ponteareas. Vanesa Fernández acusou aos populares de manter unha actitude de “submisión” ante o Goberno galego.
“Mentres nós esiximos melloras para o noso concello sen importar quen goberne, o PP é incapaz de erguer a voz ante a Xunta”, declarou a portavoz socialista. A este respecto, Fernández puxo como exemplo a xestión sanitaria, denunciando o que considera un “desmantelamento da sanidade pública” ante o que, ao seu xuízo, os populares locais gardan silencio para “protexer as siglas do seu partido en Santiago”.

