O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantivo este martes unha reunión de traballo co presidente do Senado, Pedro Rollán, na sede da Cámara alta en Madrid. Durante o encontro, ambos os dirixentes analizaron as realidades e os retos de futuro que afrontan as entidades locais e as administracións territoriais no conxunto do país.
O foco da conversa estivo centrado no modelo territorial e na urxencia de revisar o sistema de financiamento actual. O obxectivo é corrixir os desequilibrios rexionais e garantir un reparto da riqueza máis equitativo para os concellos e deputacións.
O papel clave das administracións próximas ao cidadán
Esta xuntanza pon o broche a unha axenda de traballo institucional que levou a López a Valencia este luns. Alí, o mandatario pontevedrés participou na Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos insulares, onde incidiu na carga de traballo que asumen estas entidades na prestación de servizos fundamentais.
Tal e como trasladou o presidente provincial, estas administracións, ao seren as máis próximas aos cidadáns, sofren actualmente dificultades económicas que requiren medidas de mellora no seu sistema de financiamento.

