HomeNewsActualidadeCali & el Dandee encabezan os concertos da Festa da Rosa de...

Cali & el Dandee encabezan os concertos da Festa da Rosa de Mos

O Concello de Mos vén de confirmar a actuación de Cali & el Dandee como unha das grandes citas musicais da Festa da Rosa 2026. O coñecido dúo colombiano actuará o vindeiro 5 de xuño no Pazo de Mos a partir das 21:00 horas nun concerto de entrada gratuíta.

A actuación forma parte da programación de Concertos do Xacobeo e conta co patrocinio de Turismo de Galicia, “reforzando a aposta da Festa da Rosa por unha programación musical de primeiro nivel”.

Formado polos irmáns Alejandro e Mauricio Rengifo, Cali & el Dandee consolidouse durante a última década como un dos referentes do pop urbano latino internacional. Na actualidade superan os 7 millóns de oíntes mensuais en Spotify e acumulan miles de millóns de reproducións nas principais plataformas dixitais.

Ao longo da súa carreira publicaron algúns dos grandes éxitos da música latina recente, con cancións como “Yo te esperaré”, “Por fin te encontré”, “Gol” ou “La Estrategia”, temas que acadaron centos de millóns de reproducións e unha enorme repercusión internacional.

O dúo colaborou ademais con artistas internacionais como Luis Fonsi, Sebastián Yatra, David Bisbal, Aitana ou Juan Magán. Mauricio Rengifo “Dandee” participou tamén como produtor e compositor en “Despacito”, un dos maiores fenómenos musicais globais da música latina.

A noite musical completarase coas actuacións de Carlos Pintor, Dmirón e Pitty, nunha cita que volverá converter Mos nun dos grandes focos musicais do sur de Galicia.

Dende o Concello destacan que “a Festa da Rosa continúa medrando en proxección e capacidade de convocatoria, combinando tradición, cultura popular e grandes eventos musicais”. O pasado ano, a actuación de Juan Magán reuniu a milleiros de persoas no municipio, consolidando unha liña de programación que este ano busca volver superar expectativas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS