Un home de 57 anos, faleceu este xoves nun accidente de tractor no concello do Porriño. O suceso tivo lugar na parroquia de San Salvador de Budiño ao redor das 19:40 horas, cando o vehículo agrícola que manexaba envorcou.
Foi un veciño da zona quen alertou aos servizos de emerxencias despois de localizar o tractor envorcado. Tras recibir o aviso, o 112 Galicia coordinou un operativo de rescate no que participaron efectivos dos bombeiros do Porriño, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.
Sen posibilidades de reanimación
Á chegada ao lugar, os equipos de intervención traballaron para liberar ao home, que quedara atrapado baixo a máquina. Tamén se desprazou unha ambulancia de soporte vital básico do 061 e persoal sanitario do PAC do Porriño.
A pesar dos rápidos esforzos e das manobras de reanimación realizadas polo persoal médico presente na zona, non foi posible salvar a vida da vítima. Finalmente, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento no lugar do sinistro.

