HomeNewsActualidadeNorfrío presenta na Xunta a nova ampliación do seu proxecto loxístico en...

Norfrío presenta na Xunta a nova ampliación do seu proxecto loxístico en Mos

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, vén de manter un encontro coa directiva do Grupo Norfrío para coñecer de primeira man o proxecto de ampliación que a compañía impulsa nas súas instalacións do Parque Empresarial da Veigadaña, en Mos. Na reunión participou tamén o concelleiro de Urbanismo do Concello de Mos, José Ramilo, así como o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón.

Durante a xuntanza, os responsables da empresa expuxeron a evolución da firma, especializada en loxística frigorífica para o sector alimentario e pesqueiro, e detallaron unha nova fase de investimento que reforzará a capacidade industrial e loxística da compañía no municipio.

Norfrío, implantada en Mos desde o ano 2016, naceu da unión de dúas empresas galegas de transporte de conxelado e foi medrando de forma progresiva coa construción de distintas cámaras frigoríficas. Tralas ampliacións realizadas en 2016 e 2020, a empresa proxecta agora unha terceira fase coa construción dunha cuarta cámara e dunha nova sala de procesado.

O investimento previsto rolda os 12 millóns de euros e permitirá elevar o volume frigorífico total ata os 61.000 metros cúbicos, cunha capacidade de almacenamento de 12.000 toneladas e máis de 15.000 ocos de paletización. A nova superficie incorporada superará os 3.900 metros cadrados.

A compañía explicou ademais que o proxecto aposta por un modelo baseado na eficiencia enerxética e na sustentabilidade ambiental. Entre as actuacións previstas inclúense unha planta fotovoltaica para autoconsumo, sistemas de recuperación de calor, refrixeración con NH3 natural, dixitalización avanzada dos procesos e ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á optimización do consumo enerxético e da operativa loxística.

Segundo os datos trasladados pola empresa, as medidas previstas permitirán mellorar nun 35% a eficiencia frigorífica, aforrar máis de 1.500 MWh anuais e evitar a emisión de arredor de 391 toneladas de CO₂ ao ano.

Durante o encontro, a conselleira destacou o papel estratéxico da loxística do frío para garantir a competitividade da cadea mar-industria galega. Marta Villaverde puxo en valor a capacidade destas empresas para asegurar que os produtos do mar cheguen en condicións óptimas aos mercados nacionais e internacionais, reforzando ademais a posición de Galicia como referente no ámbito pesqueiro e alimentario.

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo de Mos, José Ramilo, sinalou que “proxectos deste nivel consolidan Mos como un dos grandes polos industriais e loxísticos de Galicia”. O edil destacou tamén “a importancia de acompañar ás empresas que apostan polo territorio, xeran emprego e incorporan innovación e sustentabilidade aos seus procesos produtivos”.

A ampliación permitirá, ademais, crear novos postos de traballo directos vinculados á actividade de procesado e á xestión técnica da plataforma, ademais de emprego indirecto asociado ao transporte, mantemento e servizos auxiliares.

O Concello de Mos continúa avanzando na tramitación urbanística do proxecto, que conta xa con proposta favorable para a concesión da correspondente licenza municipal, unha vez analizada a documentación técnica presentada pola compañía para a ampliación das súas instalacións no Parque Empresarial da Veigadaña.

A empresa prevé iniciar as obras ao longo de 2026, cun calendario de execución estimado de 16 meses e o obxectivo de que a nova instalación estea plenamente operativa antes do 31 de outubro de 2027, prazo fixado na convocatoria europea FEMPA á que opta a iniciativa.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS