O Concello de Lugo acolleu este venres 15 de maio o primeiro pleno presidido por Elena Candia tras a moción de censura. A sesión, de carácter extraordinario e urxente, durou menos de catro minutos e serviu para aprobar a nova organización da corporación local. O encontro estivo cargado de xestos simbólicos, como o feito de que a concelleira non adscrita, María Reigosa —exintegrante do PSOE e agora nomeada polo novo executivo como “supervisora de infraestruturas”—, ocupase un asento na mesa presidencial á beira da alcaldesa, un espazo reservado historicamente para o primeiro tenente de alcalde.
O deseño da mesa presidencial complétase co portavoz do goberno do PP, Ramón Cabarcos, a secretaria e o interventor municipal. Segundo fontes municipais, esta distribución responde a que o executivo funciona de facto como un bipartito, composto por 12 concelleiros do PP e a edila non adscrita.
Tensión institucional e críticas pola convocatoria vía WhatsApp
A sesión plenaria arrancou con tensión e coas protestas dos grupos da oposición, que seguen a cualificar ao novo executivo de “goberno ilexítimo”. Os ediles do PSOE non estaban nos seus asentos no momento de iniciar o pleno, xa que se atopaban nos corredores atendendo aos medios de comunicación. Candia deu comezo á sesión case seis minutos despois das nove da mañá. Pola súa banda, os concelleiros do BNG si ocuparon os seus postos dende o inicio, portando panos palestinos como protesta pola retirada da bandeira do centro cultural O Vello Cárcere.
Antes de acceder ao salón, o exalcalde socialista Miguel Fernández criticou con dureza que a cita fose convocada con menos de 24 horas de antelación. Segundo explicou Fernández, o procedemento foi “atropellada e precipitada, sen tempo para analizar a documentación e avisados vía WhatsApp”. Tamén lamentou que non se permitise debater a urxencia da sesión, cualificando a xestión de “imposición por decreto para esconder o pacto da infamia”.
Pola contra, a alcaldesa Elena Candia defendeu a urxencia da convocatoria co obxectivo de “garantir o funcionamento ordinario da administración e avanzar na posta en marcha da nova organización municipal”. Candia sinalou que mantivo reunións previas con PSOE e BNG para ofrecerlles tres dedicacións exclusivas e tres soldos de persoal de confianza a cada formación (as mesmas condicións que tiña o PP na oposición), pero que as forzas políticas pedían máis sen chegar a presentar unha contraoferta. O nacionalista Rubén Arroxo negou calquera negociación con Candia e apuntou que a decisión final fora determinada pola asemblea do BNG.
Redución do 40% no gasto de soldos e incremento das dietas
A nova reestruturación organizativa saíu adiante cos votos en contra do PSOE e do BNG. De acordo cos datos facilitados polo goberno local, o gasto político total cae dos 822.804 euros que percibía o anterior bipartito a 491.063 euros, o que supón unha rebaixa do 40%. O motivo principal é que o número de concelleiros con soldo do Concello pasa de 13 a sete.
As sete dedicacións exclusivas do goberno serán para Elena Candia, Mar Carballas, Javier Vázquez, Flor Rubinos, Agustín Gallego, Gustavo Díaz e Damián Carballo. Os outros cinco ediles populares non recibirán salario municipal ao compatibilizar o cargo coas súas profesións ou con outros postos políticos:
- Antonio Ameijide: mantén o soldo da Deputación como portavoz do PP.
- Cristina Sanz: cobra como parlamentaria.
- Ramón Cabarcos: compatibiliza a política co seu posto de director de Artes Aplicadas.
- Aurora Goás: continúa co seu traballo de médica no HULA.
- Silvia Colmenero: exerce como enxeñeira en Industria.
No tocante á oposición, o PSOE contará con dúas dedicacións exclusivas e o BNG con unha.
En contraposición á baixada de soldos, a nova organización recolle un incremento notable nas dietas por asistencia a plenos e comisións. O cobro polas comisións informativas e a xunta de goberno aumenta de 100 a 150 euros por xornada, mentres que a asistencia aos plenos ordinarios (que se celebran un ao mes) pasa de 100 a 250 euros.
Miguel Fernández (PSOE) tachou esta subida de ser “unha mostra do interese da alcaldesa ilexítima de incrementar cuantías quizais para pagar favores”. Ademais, criticou que a metade do equipo de goberno non estea centrada plenamente na xestión de Lugo ao non afastar os seus traballos. Pola súa banda, precisouse que María Reigosa non poderá percibir remuneración ningunha como supervisora do goberno, pero si cobrará os 150 euros por cada día que asista ás cinco comisións nas que ten dereito a participar como concelleira no adscrita.
Reproches cruzados e polémica polas festas da Piringalla
Os momentos previos e posteriores á sesión serviron para que os distintos líderes políticos afeasen as actuacións dos seus rivais. Elena Candia lamentou a “espantada” do executivo saínte por non facilitar unha transición nin coordinación básica, un contratempo que, segundo indicou, resolveuse grazas ao labor dos funcionarios. Miguel Fernández respondeulle insistindo en que a estrutura deseñada por Candia é “caótica” e referiuse a Reigosa como unha “tránsfuga convertida en supervisora de nada”.
Para rematar, o voceiro do BNG, Rubén Arroxo, denunciou publicamente que na tarde do xoves as atraccións das festas da Piringalla comezaron a operar sen que estivese asinado o correspondente decreto de autorización. Arroxo cualificou a situación de “preocupante debido ás posibles responsabilidades legais en caso de que houbsese un accidente”. Esta acusación foi desmentida de inmediato polo equipo de goberno actual, asegurando que o documento administrativo xa fora asinado nesa mesma tarde do xoves.
Como detalle curioso e visible no cambio de ciclo municipal, durante a sesión retiráronse as tradicionais xarras de auga da traída de Lugo que presidían as mesas e substituíronse por botellíns de auga individuais para os ediles.

