O Concello das Neves celebrará o próximo 12 de maio, de 18:00 a 20:00 horas na Casa da Xuventude, o obradoiro “Pantallas, redes e límites: como educar na era dixital”, unha proposta formativa dirixida a familias con alumnado de Primaria e Secundaria que busca ofrecer ferramentas útiles para afrontar os retos educativos vinculados ao uso das pantallas, os móbiles e as redes sociais.
Esta actividade será a primeira acción do programa “SER, ESTAR, PERTENCER”, un itinerario de benestar emocional, convivencia e vida dixital saudable impulsado polo IES Pazo da Mercé das Neves en colaboración co Concello, as ANPAS e o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, para traballar co alumnado, as familias e a comunidade educativa, e que se desenvolverá ao longo dos próximos cursos escolares.
O programa nace coa intención de acompañar á mocidade e ao seu entorno na construción de relacións máis saudables coa tecnoloxía, reforzando ao mesmo tempo aspectos fundamentais como o benestar emocional, a convivencia ou o sentimento de pertenza á comunidade educativa.
O obradoiro de maio abordará cuestións moi presentes no día a día das familias, como a dificultade para establecer límites no uso do móbil, o acceso a determinados contidos en internet, o impacto das redes sociais no estado emocional dos/as menores ou a importancia de acompañar desde a comunicación e a educación afectiva. A sesión terá un enfoque práctico e próximo, buscando crear tamén un espazo de reflexión compartida entre nais, pais e persoas coidadoras.
Desde o Concello destacan ademais que a actividade será totalmente gratuíta, asumindo a administración local o custo íntegro do taller. Co obxectivo de facilitar a participación das familias, habilitarase tamén un servizo de conciliación para menores mentres dure a actividade. Ao remate, ofrecerase un café ás persoas asistentes, favorecendo un momento distendido de encontro e intercambio de experiencias.
As persoas interesadas poden reservar a súa praza a través do código QR incluído no cartel, mediante a ligazón https://forms.gle/ouFYyVdNCAQRYSY89 ou chamando ao teléfono 625 554 992.


