O Concello de Ponteareas reitera a súa disposición total para atopar unha solución satisfactoria
A Asociación de Alfombreiros do Corpus Christi de Ponteareas acordou por unanimidade rexeitar as propostas plantexadas polo Concello para a creación dun Centro de Interpretación, ao considerar que “evidencian unha falta de compromiso cunha das tradicións máis emblemáticas da vila”.
Na reunión celebrada este martes, os e as representantes do colectivo analizaron a resposta municipal remitida o pasado 15 de abril na que ofrecían como alternativas o actual centro de saúde e varias parcelas situadas en zonas periféricas, como a da contorna do Eroski.
Para a Asociación, “estas propostas resultan totalmente inadecuadas e afastan o proxecto do seu verdadeiro obxectivo”. Ao tempo, os e as alfombristas defenden que “o futuro Centro de Interpretación debe ubicarse no casco urbano, integrado na vida social e cultural de Ponteareas, e non relegado ao extrarradio, onde perdería visibilidade e capacidade de dinamización”.
Ante esta situación, a Asociación volve esixir a cesión provisional da antiga escola infantil e reclama a paralización inmediata da súa demolición mentres “non exista unha alternativa real”. Do mesmo xeito, propón “opcións viables” como a habilitación da planta sótano do mercado municipal ou a adquisición do local do antigo Comercial Tea.
Agora, ante o “malestar colectivo”, a agrupación acordou diversas medidas como a “non participación nos actos institucionais organizados polo Concello” así como o traslado aos alfombreiros da “posibilidade de impedir a visita do Goberno munciipal aos portais durante a noite de Corpus” nun, segundo aseguran, “xesto simbólico que pon de manifesto o deterioro da relación coa administración local”.
A esta situación, súmaselle a “indignación por un gasto inxustificable” de 40.000 euros nun perfume promocional, mentres as axudas aos tramos alfombristas non alcanzan os 35.000 euros”.
A opinión do goberno local
O Concello de Ponteareas “reafirma a súa disposición total” ao diálogo coa Asociación de Alfombreiros e reitera o seu “firme compromiso” co colectivo para atopar unha solución satisfactoria que dea resposta ás súas necesidades de espazo de traballo.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliña que “a porta ao diálogo está aberta de par en par e que as alternativas trasladadas nos últimos días aos alfombreiros eran propostas a debater e non opcións pechadas”. Neste sentido, sinala que “os alfombreiros deben dispor dun espazo que se adapte ás súas necesidades e que o Concello amosa a súa disposición a artellar un convenio de colaboración que dea unha resposta estable e duradeira aos requirimentos deste colectivo tan relevante para o municipio”.
Unha carta aberta ao diálogo, non unha resposta pechada
O goberno local precisa, nun comunicado enviado aos medios, que as opcións trasladadas ao colectivo alfombreiro (o actual centro de saúde unha vez se execute o novo ou parcelas de equipamento obtidas en desenvolvementos urbanísticos recentes), son exemplos de oportunidades a curto e medio prazo, e non unha proposta pechada.
“Queremos que quede absolutamente claro: a carta era unha invitación ao diálogo, non un punto final. As dúas alternativas que mencionabamos eran exemplos para ilustrar que existen posibilidades reais, pero estamos abertos a escoitar o que os alfombreiros consideren máis axeitado para o seu traballo”, sinala a alcaldesa, Nava Castro.
Un convenio de colaboración como vía de traballo
O convenio de colaboración que propón o Concello permitiría que sexan os propios alfombreiros os que propoñan os espazos que mellor se adapten á súa actividade, contando co apoio e o acompañamento institucional do goberno municipal.
“Esta vía permitiría tamén acceder a outras subvencións doutras administracións supramunicipais, multiplicando os recursos dispoñibles para o colectivo”, explica Nava Castro.
A alcaldesa subliñou que “dende que estamos no goberno, en todas as reunións conxuntas cos alfombreiros e nos escritos que presentaron por rexistro de entrada nunca fora trasladada esta petición ata o pasado 11 de abril. O que importa é atopar a mellor solución posible para os alfombreiros e o Concello vai estar ao seu lado en todo este proceso. Se eles elixen un espazo e a opción é viable, artellaremos as ferramentas administrativas e de financiamento para tramitalo”.
Camiño cara o novo pulmón verde da vila
O Concello recorda que “a nova escola infantil xa ten vida, por iso queremos gañar espazo verde público con esta actuación”, que se enmarca na Estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas e responde a un “proxecto estratéxico para a vila” que ten como obxectivo a creación dun corredor verde continuo entre o parque da Feira Vella e a nova praza de abastos Mercatea.
“Esta iniciativa busca ofrecer á cidadanía ponteareá un novo pulmón en pleno centro da vila, incrementando as zonas verdes e avanzando na renaturalización da contorna urbana”, sinala a alcaldesa.
Vontade firme de seguir traballando xuntos
O Concello reitera o seu recoñecemento ao labor extraordinario dos alfombreiros como peza esencial dunha tradición de proxección internacional como é o Corpus Christi de Ponteareas, e traslada novamente á Asociación a “súa man tendida” para sentarse a traballar conxuntamente nas vindeiras semanas.
“O obxectivo común é o mesmo: que os alfombreiros conten coas mellores condicións posibles para desenvolver o seu traballo, que tanto significa para Ponteareas. E iso imos conseguilo dialogando e construíndo xuntos”, conclúe a alcaldesa.

