A Asociación de Alfombreiros do Corpus Christi de Ponteareas acordou por unanimidade rexeitar as propostas plantexadas polo Concello para a creación dun Centro de Interpretación, ao considerar que “evidencian unha falta de compromiso cunha das tradicións máis emblemáticas da vila”.
Na reunión celebrada este martes, os e as representantes do colectivo analizaron a resposta municipal remitida o pasado 15 de abril na que ofrecían como alternativas o actual centro de saúde e varias parcelas situadas en zonas periféricas, como a da contorna do Eroski.
Para a Asociación, “estas propostas resultan totalmente inadecuadas e afastan o proxecto do seu verdadeiro obxectivo”. Ao tempo, os e as alfombristas defenden que “o futuro Centro de Interpretación debe ubicarse no casco urbano, integrado na vida social e cultural de Ponteareas, e non relegado ao extrarradio, onde perdería visibilidade e capacidade de dinamización”.
Ante esta situación, a Asociación volve esixir a cesión provisional da antiga escola infantil e reclama a paralización inmediata da súa demolición mentres “non exista unha alternativa real”. Do mesmo xeito, propón “opcións viables” como a habilitación da planta sótano do mercado municipal ou a adquisición do local do antigo Comercial Tea.
Agora, ante o “malestar colectivo”, a agrupación acordou diversas medidas como a “non participación nos actos institucionais organizados polo Concello” así como o traslado aos alfombreiros da “posibilidade de impedir a visita do Goberno munciipal aos portais durante a noite de Corpus” nun, segundo aseguran, “xesto simbólico que pon de manifesto o deterioro da relación coa administración local”.
A esta situación, súmaselle a “indignación por un gasto inxustificable” de 40.000 euros nun perfume promocional, mentres as axudas aos tramos alfombristas non alcanzan os 35.000 euros”.
A opinión do goberno local
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, declarou nunha entrevista realizada este mesmo luns por este medio que “os alfombreiros contarán con espazo axeitado para o desenvolvemento da súa actividade”. Asegurando que “somos os maiores defensores destra tradición de Ponteareas”.

