CCOO convocou unha folga de 24 horas no sector de Educación Infantil de 0 a 3 anos en Galicia para o vindeiro xoves 7 de maio. A mobilización enmárcase nunha acción estatal para reclamar melloras laborais e cambios estruturais nesta etapa educativa.
Ese mesmo día, o sindicato organizou unha concentración ás 11.00 horas fronte á Consellería de Política Social, en San Caetano (Santiago de Compostela).
A organización denuncia que este ciclo educativo segue marcado pola precariedade, con salarios baixos, cocientes elevadas e unha carga de traballo que dificulta a coordinación pedagóxica.
CCOO sinala ademais a existencia dun sistema fragmentado en Galicia, con centros de xestión pública, privada e externalizada, o que xera diferenzas laborais entre profesionais con funcións similares.
O sindicato defende que a etapa de 0 a 3 anos debe considerarse plenamente educativa polo seu impacto no desenvolvemento infantil e a igualdade de oportunidades.
Tamén advirte de que a gratuidade do servizo non pode sosterse sobre condicións laborais precarias e reclama un financiamento suficiente que garanta calidade.
Neste ciclo traballan educadoras, técnicas e persoal de apoio, cociña e limpeza, aos que CCOO reclama maior recoñecemento profesional.
A organización considera que o conflito reflicte un problema estrutural do modelo de educación infantil e expón a necesidade de reforzar a rede pública fronte á externalización.
No caso galego, segundo se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), todos os centros deberán manter servizos mínimos e abrir as súas portas.

