Mércores, Maio 6, 2026
HomeNewsActualidadePonteareas acolle unha mostra de traballos creativos a razón do programa Talento...

Ponteareas acolle unha mostra de traballos creativos a razón do programa Talento Xove

Artistea acolleu a inauguración da exposición Talento Xove, unha mostra que recolle o traballo creativo dos participantes do programa, e que se consolida, na súa terceira edición, como un “referente na promoción do talento emerxente na comarca”.

O acto contou coa participación do concelleiro de Xuventude, Cristian Montes; do deputado provincial de Asistencia aos Concellos, Pablo Castillo; do tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera; e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

A xornada comezou cunha peza musical a cargo de ‘Hijos de Puchini’, dando paso ás intervencións institucionais e á posterior visita guiada pola exposición.

A exposición recolle traballos de oito disciplinas diferentes e poderá visitarse nos vindeiros días en Artistea ata o 30 de maio (de luns a venres, de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas).

Durante a presentación da mostra, o concelleiro de Xuventude destacou que “celebramos moito máis que unha exposición, celebramos o esforzo, os soños e a valentía de 767 participantes que decidiron compartir o seu talento con todos nós”. Montes subliñou o crecemento constante da iniciativa, cun incremento anual de participación, e puxo en valor que Talento Xove “converteuse nun espazo onde a mocidade atopa a súa voz, algo de enorme valor”.

Ademais, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e sinalou que este programa “actúa como unha auténtica canteira do seu programa “Xuventude Crea’, na que os mozos e mozas comezan a dar pasos cara a iniciativas de maior proxección”.

Pola súa banda, o deputado provincial Pablo Castillo destacou a importancia deste tipo de programas que se están a desenvolver en diferentes concellos da provincia, sinalando que “iniciativas como Talento Xove buscan recoñecer o traballo e as creacións da mocidade, dándolles a oportunidade de que o seu talento sexa coñecido”.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, destacou a consolidación desta iniciativa, que na súa terceira edición acadou 767 participantes en distintas modalidades, cun crecemento sostido ano tras ano. González Carrera agradeceu a implicación da mocidade e sinalou que esta exposición “reflicte o talento, a creatividade e o esforzo de centos de mozos e mozas que son presente e futuro de Ponteareas”.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo en valor o compromiso do Concello de Ponteareas coa mocidade, asegurando que “é un concello que traballa con iniciativas que realmente pagan a pena, para e pola xuventude”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS