O presidente da Xunta de Galicia, vén de anunciar a creación dunha unidade central de cincuenta técnicos cualificados para descargar de tarefas burocráticas aos médicos de atención primaria, dentro do “plan de choque” para reformar este nivel asistencial que prevén ter listo este primeiro semestre do ano.
Así o comunicou o responsable do executivo galego este martes en resposta a unha pregunta da líder da oposición, Ana Pontón, na sesión plenaria do Parlamento de Galicia de control ao Goberno.
Pontón advertiu da “situación crítica e insostible” dos servizos de atención primaria con base nun recente informe do Consello de Contas, que reflicte que Galicia é “a segunda comunidade pola cola” en investimento neste nivel asistencial, un 12 %, algo que atribuíu á “demolición da sanidade pública” que deixan 17 anos do gobernos do PPdeGalicia.
Pola súa banda, Rueda acusou á portavoz nacional do BNG de “estar aí sentada e non tocar a rúa máis que para facer manifestacións” e “manipular” os datos mentres que rexeita calquera proposta da Xunta para mellorar a sanidade, de xeito que “se hai un problema, pareza unha catástrofe e se hai solucións, opoñerse”.
Con todo, a unidade de profesionais para descargar o labor administrativo os médicos encargarase de labores como tramitar receitas, solicitar ortopedias, facer informes de saúde ou pedir ambulancias non urxentes, especificaron posteriormente fontes da Xunta.
Trátase de que os médicos “teñan máis tempo para atender mellor os seus pacientes“, explicou Rueda, xa que actualmente a burocracia supón de 30 % a 40 % do horario dos facultativos dos servizos de Atención Primaria.

