O Concello de Salceda de Caselas vén de enviarlle á Xunta de Galicia unha proposta de mellora para o enlace da PO-510 no denominado “Alto da Brava”. A proposta realizouse por acordo dos tres grupos de esquerdas da corporación (MS, PSOE e BNG), que a incluíron nos investimentos dos orzamentos municipais deste ano 2026. Logo de diferentes reunións entre os tres grupos e a empresa redactora, a proposta está lista e foi xa remitida á Xunta de Galicia para o seu estudo e execución.
Dende o Concello de Salceda recordan que foi a administración local quen “elaborou o proxecto con cargo aos orzamentos municipais, colaborando dese xeito coa Xunta de Galicia que é a que ten a competencia de ordenación do tráfico das súas estradas”. “Cabe lembrar”, engaden, “que nese punto da PO-510 lévanse producido numerosos accidentes, moitos deles con gravísimas consecuencias”.
A zona
Na zona conflúen diversos ramais unidireccionais, tanto de entrada e saída á propia PO-510 como de acceso a diferentes barrios da parroquia de Parderrubias e San Xurxo, o que provoca en moitas ocasións situacións de inseguridade tanto para o tráfico rodado como para o tráfico peonil, polo que os grupos de esquerdas do Concello puxeron sobre a mesa a necesidade de reforma da zona, plantexándose a creación de dúas glorietas a cada lado da PO-510 que ordenen o tráfico e simplifiquen as diferentes opcións de circulación.
Deste xeito, evítanse os xiros á esquerda e mellórase o entendemento dos movementos posibles e as prioridades. A pista de acceso ao barrio de Montecelo modifica o seu trazado e levase tamén á nova glorieta, evitando situacións que poden confundir ás persoas condutoras e provocar situacións de perigo.
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo destacar que “con esta proposta cumprimos un dos acordos entre os grupos de esquerdas. Os tres grupos seguiremos a traballar da man en todo aquelo que poida ser beneficioso para Salceda e a súa xente, chegando a acordos sempre para o beneficio da nosa veciñanza”.
A proposta elaborada polo Concello de Salceda supón un investimento de 511.067,39€, que o goberno local (MS e PSOE) co apoio do BNG “agarda que a Xunta de Galicia teña a ben executar”, pois é importante para a zona, e melloraría enormemente a seguridade.

