O Concello de Salvaterra de Miño vén de iniciar os trámites urbanísticos co obxectivo de construir un novo auditorio municipal con capacidade para entre 400 e 500 persoas. Na actualidade, a vila non dispón de unha infraestrutura destas características, polo que se trata dunha demanda habitual entre a veciñanza.
O obxectivo do goberno é que a nova instalación se ubique na rúa Miño, xunto á PO-414, en terreos catalogados como rústicos. Precisamente, o que busca o goberno é encaixar urbanísticamente o proxecto a través dun Plan Especial de infrestruturas e Dotacións (PIED), que vén de iniciar a súa tramitación ambiental e que se atopa nestes intres nun período de consulta pública.
Tal e como se recolle na memoria xustificativa do plan especial, o Concello puxo de manifesto a urxencia de dispoñer dun auditorio municipal que inclúa salas e aulas complementarias, con capacidade para entre 400 e 500 persoas, tras analizar as necesidades de equipamentos da vila.
Con todo, os terreos non son, polo de agora, de titularidade municipal, polo que será preciso a súa expropiación ou compra amistosa, nun prazo de seis meses dende a entrada en vigor do plan especial. En concreto, trátanse de seis parcelas diferentes que ocupan unha superficie total de 5.971,20 metros cadrados.
Tras adquirir os terreos, o Concello deberá executar as obras de urbanización pendentes da rede viaria, así como o axardinamento dos espazos libre se as redes de instalacións previstas. O último paso, será a construción da edificación do auditorio, que ten un prazo estimado de dous anos.

