Xoves, Febreiro 26, 2026
HomeNewsActualidadePonteareas adxudica o servizo do lixo durante 10 anos por 22 millóns...

Ponteareas adxudica o servizo do lixo durante 10 anos por 22 millóns de euros

O goberno municipal de Ponteareas vén de aprobar no pleno ordinario do mes de febreiro a adxudicación do novo contrato do servizo de limpeza viaria, recollida de residuos sólidos urbanos e xestión do punto limpo, unha contratación estratéxica que “suporá unha mellora substancial na calidade do servizo e na sostibilidade ambiental do municipio” aseguran dende o goberno local.

O concelleiro responsable do contrato, Jesús Cao, explica que “o novo servizo terá unha duración de dez anos e un orzamento anual de 2.352.854,73 € euros, o que permitirá garantir estabilidade, modernización e maior eficacia na prestación”.

Entre as principais melloras inclúense investimentos en tecnoloxía, novo equipamento, ampliación de contedores e reforzo da recollida selectiva, así como a creación de novos servizos e campañas de sensibilización ambiental.

Novos servizos na recollida de residuos e contedores

O contrato prevé a incorporación de cinco camións de recollida (carga lateral, traseira e para zonas estreitas) e a recollida de poda domiciliaria, “un servizo que non existía e que agora ofreceremos”, sinala o edil.

Instalaranse 1.937 contedores de todas as fraccións e 1.300 composteiros individuais ademais da xestión dos dous composteiros comunitarios no casco urbano.

Nas parroquias crearánse 30 illas de reciclaxe e incorporaranse 400 novos contedores amarelos de envases

Outro dos novos servizos que se ofrecerá sera o servizo específico de recollida en zonas estreitas e instalaranse contedores en lugares onde non existían.

Limpeza reforzada e brigadas nas parroquias

Incrementaranse as frecuencias de limpeza e crease a brigada permanente de limpeza nas parroquias para núcleos centrais e torreiros de festas e áreas recreativas como A Freixa, San Roque e Ponte das Partidas, con reforzo diario en épocas festivas.

Outra das novidades é a implantación de dez puntos estratéxicos de recollida rápida en todas as fraccións de luns a domingo en zonas de moita afluencia do centro urbano.

Implantarase a recollida porta a porta de cartón comercial diaria cando antes se viña prestando dous días á semana e reforzarase a atención a grandes produtores de vidro con contedores adaptados.

Novo equipamento de limpeza

O servizo contará con nova maquinaria e medios específicos, entre eles carros eléctricos asistidos para o persoal, mochila quitachicles e equipos específicos para eliminación de excrementos e cheiros. Tamén se renovarán máis de 100 papeleiras e novos sanecáns.

Melloras tecnolóxicas

O contrato incorpora 95.000 euros en innovación, con sistemas electrónicos de apertura con tarxeta para contedores de orgánica, chips de identificación para o seguimento e trazabilidade de baleirados, lavados e mantementos coa implantación de lectores nos camións e unha plataforma web de comunicación de incidencias para a veciñanza.

Punto limpo e economía circular

As instalacións do punto limpo melloraranse con maquinaria compactadora e un sistema para entregas rápidas e tótem de autoidentificación, entre outras.

Crearase ademais unha aula ambiental. Tamén se creará un espazo para intercambio de enseres con vida útil e unha oficina de atención ao público no centro urbano. Poñerase en marcha tamén un punto limpo móbil con catro localizacións rotatorias entre o centro e as parroquias.

Sensibilización ambiental

O contrato inclúe campañas de sensibilización, charlas en asociacións e centros culturais e a incorporación dunha educadora ambiental con dedicación completa para fomentar a separación e compostaxe dos biorresiduos.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS