A Policía Británica vén de deter este xoves a Andrew Mountbatten-Windsor, irmán do rei británico Carlos III, baixo a sospeita de mala conduta nun cargo público, tal e como informou a Policía do Val do Támesis, forza policial pertencente a Windsor.
Os axentes acudiron esta mañá a Sandringham, lugar de residencia do expríncipe, tras algunhas pesquisas que o relacionan co pederasta convicto Jeffrey Epstein. Segundo informaron as fontes policiais, o detido está retido nunha comisaría.
A polémica sobre a súa relación con Epstein afondouse tras que uns correos do Departamento de Xustiza dos EUA revelasen que o expríncipe lle facilitara documentos sensibles do Goberno británico.
Hai uns días, a policía do Val do Támesis informou de que estaba a avaliar a información para decidir se procedía a unha investigación criminal.
Así, nun comunicado, as forzas da orde indican que esta mañá a detención foi “baixo sospeita de mala conduta nun cargo público e estamos a realizar rexistros en domicilios”. A policía tamén fixo fincapé en que se trata dun caso aínda “aberto”.

