Galicia pechou xaneiro de 2026 con 115.144 persoas no paro, 6.176 menos que no mesmo mes de 2025, e 1.083.826 afiliacións á Seguridade Social, 16.737 cotizantes máis en relación con xaneiro do ano pasado. Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a valoración dos datos de paro e de afiliacións, que en ambos casos son os mellores para un mes de xaneiro desde que hai rexistros.
Por provincias
En relación coa evolución anual, a baixada no desemprego supón algo máis do 5%. Ademais, o paro tamén se reduce nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-9,81%), seguida do sector primario (-9,39%), da industria (-7,62%) e, por último, dos servizos (-4,08%).
Mulleres sen emprego
En canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de xaneiro de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 3.258 persoas (-4,65%) e no dos parados de longa duración a baixada é de 4.218 (-7,08%).
Comparativa mensual
Con todo, especificou, como adoita acontecer nos meses de xaneiro, na comparativa mensual rexístrase unha subida no paro, debido finalización da campaña de Nadal e unha redución nas afiliacións, do mesmo xeito que acontece no conxunto de España. Neste sentido, o conselleiro insistiu en que a evolución do mercado laboral debe analizarse desde unha perspectiva a medio e longo prazo.

