O miradoiro de San Nomedio, ubicado no Concello de As Neves, vén de acadar a certificación “Paraxe Starlight”, un recoñecemento que avala a excelente calidade do ceo nocturno e as condicións idóneas da contorna para a observación astronómica e o desenvolvemento do astroturismo.
Esta distinción foi concedida á Deputación de Pontevedra, entidade impulsora e xestora do espazo a través do proxecto Visit Río Minho Plus, financiado con fondos europeos, e sitúa ao miradoiro de San Nomedio dentro da rede de Paraxes Starlight, da que na provincia de Pontevedra só forma parte tamén o Faro de Avión, no Concello de Covelo.
O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, destacou que “esta certificación Starlight do miradoiro de San Nomedio é unha magnífica noticia para As Neves. Supón poñer en valor un espazo natural privilexiado e recoñecer a calidade do noso ceo, converténdoo nun recurso turístico de primeiro nivel ligado á sustentabilidade e ao respecto polo medio ambiente”.
Así mesmo, o rexedor destacou o potencial desta distinción para o desenvolvemento local asegurando que “este recoñecemento permítenos seguir avanzando nun modelo de turismo responsable, que xera oportunidades económicas e ao mesmo tempo protexe o noso territorio. O astroturismo é unha aposta de futuro e As Neves ten moito que ofrecer neste eido”.

