A Comisión Federal de Listas do PSOE vén de ratificar a proposta formulada polo PSdeG-PSOE para que a alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, sexa a candidata socialista á Presidencia da Deputación de Lugo.
A ratificación produciuse na reunión da Comisión Federal de Listas, «no marco do procedemento establecido nos Estatutos Federais e no Regulamento Federal de Desenvolvemento, unha vez elevada a proposta acordada polos órganos do PSdeG», segundo indican os socialistas nun comunicado.
A decisión foi comunicada á secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, «para o seu traslado aos deputados e deputadas provinciais socialistas na Deputación de Lugo aos efectos oportunos».
Alcaldesa e deputada
Segundo apuntan os socialistas, Carmela López Moreno é alcaldesa de Burela e deputada provincial,» ámbito no que vén destacando pola defensa dun modelo de desenvolvemento equilibrado para A Mariña e para o conxunto da provincia, cunha aposta clara polo fortalecemento dos servizos públicos, o apoio aos concellos e a cohesión territorial».
Dende o PSdeG subliñan que esta ratificación permite avanzar «na conformación dun proxecto sólido para unha Deputación útil, próxima e comprometida coa igualdade de oportunidades en toda a provincia de Lugo».
Acoso sexual
Cómpre lembrar que o anterior presidente da Deputación, o tamén socialista José tomé, dimitiu no mes de decembro, nun pleno extraordinario, despois de ser denunciado por acuso sexual a través da canle interna do partido.

