O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala a derriba do muro de peche situado na fronte da parcela que dá á vía pública da vivenda de Moaña que pertencía ao expresidente da Xunta, o actual líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. Desta forma, rexeita o recurso de apelación presentado polo actual propietario da casa e confirma a sentenza emitida polo maxistrado do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra.
A Sala explica no fallo que o concello do municipio concedeu licenza en 2017 para a ocupación temporal de espazo público e a construción do muro por motivos de seguridade, todo iso condicionado a que o entón presidente autonómico fose titular do inmoble.
Tras a venda da vivenda, en 2021, ao actual propietario, o Concello de Moaña ordenou a demolición do muro, argumentando que excedía a altura permitida e ocupaba espazo de cesión municipal. “Unha vez tomado coñecemento o concello desa transmisión, notificou ao recorrente e apelante un requirimento para proceder á demolición do muro de seguridade construído na parcela, considerando que se produciu un cambio de titularidade e que desapareceran as causas que motivaron a concesión da licenza de obra para a súa construción”, explican os xuíces no fallo.
Os maxistrados do TSXG salientan na sentenza que o muro “vulnera a normativa urbanística do concello”, pois é “ilegal, non só por altura, senón por ocupación de espazo de cesión”, á vez que destacan que non atopan “motivo algún para mantelo con base a unha hipotética situación de seguridade”.
No seu caso, advirten ao actual dono da vivenda de que “debería exporse como unha nova solicitude do agora apelante e unha nova valoración en informes dos órganos correspondentes que adecuase o caso á súa situación persoal”. A resolución non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

