A Faderación da Construción e Madeira (FCM) da CIG de Ourense vén de ter coñecemento dun novo accidente laboral nas obras de AVE en Ourense, nesta ocasión cun traballador ferido. Dende a central sindical insisten en denunciar as condicións de falta de seguridade e o exceso de xornada nuns traballos encargados pola Administración pública «que acumulan numerosos incidentes graves, mesmo con resultado de morte», segundo explican desde o sindicato.
Segundo tivo coñecemento a FCM, o volcado dun camión deixou ferido o seu condutor, aínda que polo momento se descoñece o alcance das feridas, xa o traballador tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital de Ourense.
Dende a central sindical is¡nisten en «denunciar as malas condicións e o exceso de xornada que padecen as persoas traballadoras do sector, dun xeito especial neste tramo do AVE, no que en cuestión de 15 días houbo tres accidentados, resultando morto un deles».
Polo que instan as administracións con competencias en materia laboral a «garantir o cumprimento as medidas de seguridade e saúde, así como a vixiar os execesos de xornada». Insisten en que «as obras do AVE son obras públicas, polo que deberan ser exemplo para o resto de obras do sector en cumprimento de xornada, condicións laborais e de seguridade e saúde no posto de traballo».

