O Concello de Redondela establece un protocolo, que desde a administración local califican de «pioneiro», con medidas de prevención e actuación ante posibles situación de risco para as traballadoras do SAF. O documento, que se asinou este mediodía na casa consistorial, realizouse en colaboración coas representantes sindicais, as técnicas municipais de Servizos Sociais e a empresa que presta o Servizo de Atención no Fogar.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que estas medidas teñen como obxectivo “garantir a seguridade das traballadoras do SAF respectando os dereitos das persoas usuarias”. Rivas explica que, ante unha situación de risco no domicilio, “primará a protección á traballadora” . O principio básico deste protocolo é que o persoal que acode aos domicilios “non pode traballar con medo e ten dereito a interromper o servizo cando perciba risco”, afirma Rivas.
Neste contexto, incide en que «o goberno local adopta así medidas efectivas para protexer ás empregadas do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) ante situacións de risco, e advirte que velará porque o protocolo se cumpra de maneira efectiva«. A alcaldesa sinala que, «malia ser unha competencia da Xunta de Galicia», o Concello asume esta «responsabilidade para garantir, non só a atención das persoas usuarias, senón tamén a seguridade das traballadoras».
Formación, coordinación, comunicación e prevención
O protocolo conta con varias liñas de actuación que se estableceron logo de varias xuntanzas, tanto con representantes das traballadoras como da empresa, e tendo en conta as súas achegas. Esas liñas de actuación inclúen: formación e información ao persoal; coordinación efectiva e comunicación inmediata; medidas preventivas con persoal a disposición do servizo; valoración de riscos e valoración social previa; actuación ante posibles situación de risco ou entorno hostil.
A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, explica que a formación ao persoal será obrigatoria, e estará dirixida a “identificar escenarios hostís con formación sobre riscos, casos de acoso ou violencia”. O Concello colaborará “para concienciar ás persoas usuarias do servizo e ás súas familias”.
A comunicación entre as traballadoras, a coordinadora do servizo e o Concello será continua “para a detección precoz de riscos” e realizarase unha notificación “inmediata” de posibles perigos á técnica municipal. As medidas preventivas inclúen que a empresa que presta o servizo teña psicólogo/a e terapeuta ocupacional a disposición das persoas usuarias, das familias e do persoal do SAF.
Antes de comezar o servizo nun domicilio realizarase unha valoración de riscos para detectar se existe perigo de agresión e, no caso de que exista risco grave e inminente, suspenderíase o servizo. A propia traballadora debe facer tamén unha avaliación diaria e, se detecta perigo “abandonará o domicilio e informará á coordinadora”.
O protocolo establece como actuar ante situacións de risco ou entorno hostil, coa suspensión temporal do servizo se procede. Vilaboa explica que primará “a protección, asistencia e asesoramento á traballadora”. Cando se produzan estas situacións porase en marcha un proceso de investigación e seguimento cun rexistro de incidencias onde quede constancia da comunicación ao Comité de Prevención.

